As illas Égadi (en italiano isole Egadi) son un arquipélago formado por tres illas principais e dúas menores, dispostas a cerca de 7 km da costa occidental de Sicilia, entre Marsala e Trapani.
Administrativamente costitúen o concello (comune) de Favignana, na provincia de Trapani.
Correspóndense coa Aegates insulae dos romanos, en grego antigo Aἰγάται Νῆσοι, lit. 'illas das cabras'.[1]
Xeografía
Desde o punto de vista xeolóxico as illas Égadi están estreitamente vencelladas con Sicilia. O arquipélago, cunha área de 37,45 km², está formado polas illas de Favignana, Marettimo, Levanzo e outras dúas menores, apenas pouco máis que cons, denominadas Formica e Maraone.
Hai restos de antiquísimos asentamentos humanos, principalmente en Levanzo, e en menor medida en Favignana. Suponse que a causa débese á última glaciación, que creou un paso natural entre África e Sicilia.
En 1081 foron ocupadas e fortificadas polos Normandos. Seguiron despois o destino de Sicilia até o século XVI, cando se tornaron propiedade dos Pallavicini-Rusconi de Xénova e máis tarde, en 1874, dos Florio, que potenciaron Favignana.
Gastronomía
As comidas características das Égadi comprenden pratos a base de cuscús, e especialidades ligadas á pesca, como o atún marinado, o peixe espada á grella e o lattume de atún fritido. En conserva preséntanse o atún ao aceite de oliveira, tonnoall'olio d'oliva, a bottarga (sorte de caviar) e o atún en salmoira.