A igrexa de San Salvador de Sanguñedo é unha construción relixiosa construída a principios do século XVIII para constituír a parroquia de Sanguñedo, no concello de Verea. A igrexa está situada no Campo de Outeiro.
Descrición
Este templo é un arquetipo da construción relixiosa galega rural do seu século. A fachada ten unha porta de lintel sinxela e remata cunha cornixa curva.[1] Nos extremos da cornixa érguense dous pináculos puntiagudos rematados en esfera. O campanario está conformado por dous arcos romanos, nos cales se atopan dúas campás, unha por arco. Por riba deste corpo hai outros dous pináculos, similares aos situados na cornixa, e máis unha estrutura triangular sobre a cal está un pararaios ornamental con forma de cruz grega. A igrexa conta con tres altares; o altar maior ten un retablo construído en 1713 polo escultor Gregorio Álvarez, veciño de Quintela de Leirado, e dourado por Agustín Vázquez; nel atópanse as imaxes da Inmaculada, San Francisco, Santo Antón e San Xosé. Os altares colaterais do Evanxeo da Nosa Señora do Carme e da Epístola da Nosa Señora das Dores, albergan as tallas da Virxe do Carme, Santa Tereixa, Santo Antón e San Bieito. En ourivería, destaca unha cruz do século XVIII, de Armesto e a dostodía, do mesmo século, de Lizarra. [2]
Contorna
A entrada principal da igrexa, así como do camposanto da cara ao campo do cura, á dereita desta entrada está plantado un ciprés. Pódese acceder ao recinto dende o Campo de Outeiro, onde está situado o Cruceiro do Campo de Outeiro.
Historia
A igrexa de San Salvador foi construída a principios do século XVIII, conta con algúns elementos complementados no século XIX.[2] Segundo a inscrición do canteiro que se atopa na fachada posterior, a obra foi rematada no ano 1707. Entre os anos 1832 e 1833 a igrexa foi pintada, traballaron os frisos, achantaron e embaldosaron o chan, arranxaron a capela maior e substituíron a mesa do altar maior; tamén se fixo o cemiterio, limpando e chantando o adro e construíuse a casa da Igrés. No ano 1840 colocouse unha campá grande nova que pesa 12 arrobas e 4 libras castelás, substituíndo á anterior, de 9 arrobas menos 6 libras, que rompera. [2]
Galería de imaxes
Notas
Véxase tamén
Outros artigos