A moeda de ouro tradicional do Imperio bizantino ata entón era o sólido bizantino ou nomisma, cuxo contido de ouro se mantivera firme en 24 quilates durante sete séculos, co que conseguira un notable prestixio. A partir da década de 1030, no entanto, a moeda comezara a desvalorizarse progresivamente, ata que na década de 1080, nun contexto de desastres militares e guerras civís, o seu contido en ouro chegou a reducirse practicamente a cero.[3] Consecuentemente, en 1092, o emperadorAleixo I (1081–1118) acometeu unha revisión drástica do sistema monetario bizantino e introduciu unha nova moeda de ouro, o hyperpyron, co mesmo peso có sólido (4,45 gramos), aínda que cun menor contido de ouro (20,5 quilates no canto de 24).[4][5]
O hyperpyron mantívose como moeda estándar de ouro do Imperio Bizantino durante case tres séculos, aínda que tamén coñeceu, coma o seu antecesor, unha progresiva desvalorización: baixo o Imperio de Nicaea (1204–1261), o seu contido de ouro caeu ata os 18 quilates; posteriormente, baixo Miguel VIII Paleólogo (1259–1282), ata os 15, e baixo o seu fillo e sucesor, Andrónico II Paleólogo (1282–1328) baixou a 12 quilates. Asemade, o peso das moedas tamén foi en declive, ata o punto de que no século XIV carecía de calquera uniformidade.[6] O derradeiro hyperpyron e, xa que logo, a derradeira moeda bizantina de ouro, foi emitida polo emperador Xoán VI Cantacuzeno (1347–1352) e, a partir de entón, a denominación mantívose simplemente como unidade de conta, e o seu valor, a modo de fraccións, en moedas de prata como o basilikon (un doceavo de hyperpyron) ou o stavraton (medio hyperpyron).[7][8][9]
O nome foi adoptado con distintas variedades idiomáticas por algúns estados occidentais e outros eslavos dos Balcáns posteriores, sobre a base da denominación latinaperperum (como o italiano perpero ou os eslavos perper, iperpero, etc.), para designas diferentes moedas, normalmente de prata, e tamén como unidade de conta.[10]
A denominación xenérica de besante abrangueu diversas moedas creadas sobre a base do sólido bizantino ou nomisma, e sobre o dinar dos califatos musulmáns, entre elas tamén o hyperpyron.[11]