Horacio Valcárcel Villar, nado en Rábade en 1932, e finado en Madrid[1] o 7 de maio de 2018, foi un guionista de cinema e de televisión, e ocasionalmente director de cine galego.[2]
Traxectoria
Marchou de novo de Rábade. Na década de 1950 empezou a producir como director algunhas pezas para o NO-DO, pero tamén documentais todos eles de extensión breve, xa nas décadas seguintes. Só produciu unha longametraxe, Miguelín, xa en 1965, coa que conseguiu un premio no Festival de Cannes.[1][3] en 1964 e co que foi exhibido no MoMA de Nova York na New York World’s Fair de 1964[4]. Un ano antes, en 1963, concursara en Cannes unha curtametraxe de Javier Aguirre, con guión de Valcárcel, titulada Playa insólita[5]. En 1966 tentou rodar a súa segudna longametraxe, que se quería chamar El pájaro ciego, co-escrita con Francisco González Serrano e baseada precisamente nunha obra teatral de Serrano, pero nunca se chegou a realizar[4].
Como tamén era o guionista dalgunhas destas producións, gañou unha experiencia que lle valería como guionista para outros directores, primeiro no cinema e logo na televisión. Nesta traxectoria como guionista colaborou intensamente con dous directores. En televisión, a súa relación laboral máis extensa foi con Antonio Mercero, sobre todo nos anos oitenta e nos primeiros noventa. De aí saíu a súa serie máis coñecida, Verano azul, que contaba a historia dun grupo de rapaces de vacacións na Costa do Sol.
No cinema, e aínda que tamén se estreou da man de Mercero a finais dos anos setenta, colaborou sobre todo con José Luis Garci. Guionizou para el algúns dos filmes máis destacados deste director, e con eles foi candidato a catro premios Goya ao mellor guión orixinal ou adaptado.
Foi codirector, con Garci, da revista cinematográfica Nickelodeon.
Obra
Cinema, como guionista
- La guerra de papá (1977, de Antonio Mercero)
- Tobi (1978, de Antonio Mercero, onde Valcárcel achegou a idea orixinal de facer protagonista a un neno con ás[6])
- El crack (1981, de José Luis Garci)
- La próxima estación (1982, de Mercero)
- El crack II (1983, de Garci)
- Sesión continua (1984, de Garci)
- Asignatura aprobada (1987, de Garci)
- El tesoro (1988, de Antonio Mercero, sobre un texto orixinal de Miguel Delibes)
- Espérame en el cielo (1988, de Antonio Mercero, coa colaboración de Romá Gubern)
- Canción de cuna (1994, de José Luis Garci)
- La herida luminosa (1997, de José Luis Garci)
- El abuelo (1998, de José Luis Garci)
- La hora de los valientes (1998, de Mercero)
- You’re the one (una historia de entonces) (2000, de José Luis Garci)
- Historia de un beso (2002, de José Luis Garci)
- Tiovivo, c. 1950 (2004, de José Luis Garci)
- Ninette (2005, de José Luis Garci)
- Luz de domingo (2007, de José Luis Garci)
- Sangre de mayo (2008, de José Luis Garci)
Cinema, como director
Series de televisión
Filmes para televisión
Premios
Foi candidato aos Goya en cinco ocasións, sen obtelo en ningunha. En dúas veces foino na categoría de guión orixinal e en tres na categoría de guión adaptado. Na de guión orixinal por Espérame en el cielo, nomeado a canda Antonio Mercero e Romá Gubern, e You're the one (una historia de entonces), candidatado a canda Garci. Con Garci compartiu tamén os tres nomeamentos a guión adaptado por Canción de cuna (baseado na peza teatral de Gregorio Martínez Sierra), El abuelo (baseado na novela de Benito Pérez Galdós) e Ninette (a partir da obra de Miguel Mihura). Por Espérame en el cielo tamén estivo nomeado no Festival Internacional de Cine de Chicago.
Obtivo o premio Iris ao mellor guión (naquela altura aínda non se chamaban así) por El abuelo, e tamén o premio do Círculo de Escritores Cinematográficos de España, tanto por El abuelo, como por Luz de domingo.
Notas
Véxase tamén