A histoloxía é a disciplina que estuda todo o referente aos tecidos orgánicos: a súa estrutura microscópica, o seu desenvolvemento e as súas funcións. A histoloxía é parte da anatomía e identifícase en gran medida co que se chamou ás veces anatomía microscópica.
A existencia de tecidos só se recoñece sen discusión en dous grupos de organismos; a saber, as plantas vasculares (parte do reino Plantae) e os metazoos (parte do reino Animalia). Esta é a razón pola que se pode afirmar que existen dúas disciplinas separadas ás que se chama histoloxía animal e histoloxía vexetal, cada unha con contidos e técnicas diferenciados.