Hiperoartios

Hiperoartios
(Hyperoartia)

Rango fósil: Devoaniano ao presente

Lampreas na Sala Maremagnum
do Aquarium Finisterrae (Casa dos Peixes),
na Coruña, Galicia, España.
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
(sen clasif.): Cephalaspidomorphi
Clase: Hyperoartia (discutido)
Orde: Petromyzontiformes
Familias

Os hiperoartios (Hyperoartia) son unha clase de ágnatos ou peixes sen mandíbulas, coñecidos vulgarmente co nome de lampreas.

Son moi primitivos, semellantes externamente ás anguías, aínda que moi afastados filoxeneticamente con elas, con corpo, cilíndrico, sen escamas e moi esvaradío.

A pesar de compartiren moitas características cos peixes, taxonomicamente non se inclúen neste grupo, senón que forman un grupo independente. Xunto aos mixinos forman o grupo parafilético dos ciclóstomos.

Características

As lampreas teñen unha boca circular, formando unha ventosa para fixarse ás presas das que se alimentan, con varios círculos concéntricos de dentes córneos, ademais dunha lingua, tamén córnea, usada para raspar os tecidos.

Estas características permítenlles raspar a carne e absorber o sangue de animais tan diversos como os tiburóns, salmóns, bacallaus e mamíferos mariños.

A lingua funciona como un émbolo: despois de facer o baleiro sobre o ventre dunha presa, dentro da súa boca, succiona o sangue ao recuar.

Hábitat

Boca de lamprea na que se observan os distintos círculos concéntricos de dentes e a lingua.

A lamprea común nace nos ríos, onde permanece durante 4 ou 5 anos en estado larvario, até chegar a medir 20 cm de lonxitude, momento no que se converte en adulto e descende cara ao mar onde vivirá, entre os 200 e os 500 m de profundidade, até chegar á madurez sexual.

É entón cando, cunha lonxitude de entre 80 e 100 cm e un peso de até 1 kg, en viaxe migratorio, remonta o río onde nacera para desovar. A desova ten lugar en primavera e verán, en lugares pouco profundos, onde constrúe un niño de pedras que transporta coa súa boca de ventosa. O número de ovos varía entre 50 000 e 200 000. Durante a posta o macho fíxase á femia coa súa boca e permanece enroscado a ela; a femia, do mesmo modo, fíxase a unha pedra do fondo.

Despois da desova, as lampreas morren.

En 2008 descubriuse que nun encoro de Galicia a lamprea adaptouse a vivir nun medio unicamente fluvial. Este proceso de adaptación aínda está en proceso de estudo pero, segundo parece, a lamprea conseguiu reproducirse sen problemas, e os novos exemplares adaptáronse ás condicións do río, polo que quedaría interrompido o ciclo mixto de auga doce e auga salgada.[1] (en castelán)

Taxonomía

Dentro dos hiperoartios inclúense as lampreas modernas e os seus máis inmediatos antepasados; todas as especies actuais, unhas 40, pertencen á orde dos petromizontiformes (Petromyzontiformes) e á familia dos petromizóntidos (Petromyzontidae):[2]

Geotria australis.
Petromyzon marinus.
Ichthyomyzon greeleyi.
Ichthyomyzon unicuspis.
Eudontomyzon danfordi.
Eudontomyzon mariae.
Lampetra fluviatilis.
Lampetra tridentata.

Pesca

Arroz de lampreia, Portugal.
Lamprea á bordalesa, servida con arroz fervido e picatostes.

As lampreas péscanse nos ríos, con arpón ou "fisga" ou, mellor, para evitar a súa morte e a conseguinte perda de sangue en lugares acondicionados como as pesqueiras utilizadas no Baixo Miño, situadas a ambos os lados do río Miño, que son construcións paralelepipédicas de pedra que penetran no curso fluvial desde as dúas ribeiras e cuxa función é a de capturar distintas especies piscícolas, entre elas a lamprea. O conxunto construtivo componse de varios corpos, chamados poios, que deixan entre eles unhas canles estreitas nas que se colocan unhas redes cónicas tipo nasa ou butróns. Das pesqueiras ou pescos fálase xa en documentos do século XII, aínda que, probabelmente, moitas delas se remontan á época romana.

Usos

A carne da lamprea, aínda que dura, é moi prezada en Galicia (os romanos xa a consideraban verdadeiramente exquisita). Con ela fanse empanadas (famosas as de Padrón e Pontecesures), ou degústase guisada no seu propio sangue como prato típico da cociña de Galicia, denominado lamprea á bordalesa, e tamén se pode cociñar despois de ser curada unha vez aberta, afumada e seca para a súa conservación fóra da temporada de pesca.

Notas

  1. "Lampreas no encoro de Portodemouros". Arquivado dende o orixinal o 14 de marzo de 2016. Consultado o 25 de agosto de 2012. 
  2. Mikko's Phylogeny Archive - Hyperoartia

Véxase tamén

Bibliografía

  • Fisher (1994): Fishes of the World. Terceira edición. John Wiley and Sons. ISBN 0-471-54713-1
  • Lehman, H. Eugène (1983): Chordate Development. Winston-Salem, North Carolina: Hunter.
  • Joseph S. (2006): Fishes of the World. Nova York: John Wiley & Sons. ISBN 0-471-25031-7
  • Prados, Juan, e Jaume Rodón (2009): Biografía de la lamprea. Ediciones Trea. ISBN 978-84-9704-455-4
  • Taverny, Catherine e Pierre Élie (2010): Les lamproies en Europe de l'Ouest: écophases, espèces et habitats. Versailles: Quae. ISBN 978-2-7592-0378-9

Outros artigos

Ligazóns externas