Antes de ser elevado ó trono ostentou o título de Príncipe de Asturias, sendo o primeiro en ostentar dito título. Asumiu o poder efectivo o 2 de agosto de 1393, con 13 anos, logo dun tumultuoso período de cambios na rexencia. Puido pacificar á nobreza e restaurar o poder real, apoiándose nos nobres de segunda fila e desprazando así ós seus parentes máis poderosos (como Afonso Henríquez e Lionor de Navarra). Derrogou privilexios antes concedidos ás Cortes, como a alcabala e o dereito a asistir ó Consello Real. Impulsou a figura dos corrixidores nas cidades, e saneou a economía do Reino. Reduciu as persecucións contra os xudeus, promulgando varios editos contra a violencia, que fora particularmente grave en 1391.
Durante o seu reinado a frota castelá obtivo varias vitorias contra os ingleses. En 1400 enviou unha frota de guerra que destruíu a base pirata de Tetuán, na África do Norte. En 1402 comezou a colonización das Illas Canarias, enviando ó explorador francés Jean de Béthencourt. Detivo unha invasión portuguesa iniciada en 1396 cun ataque a Badaxoz, consolidando finalmente a paz co acordo firmado con Xoán I de Portugal o 15 de agosto de 1402. Apoiou as pretensións pontificias de Bieito XIII e retomou a campaña contra Granada, atinxindo unha importante vitoria en Collejares, cerca de Úbeda (1406), aínda que non puido completala porque lle sobreveu a morte. Tamén enviou a dúas embaixadas ante Tamerlán, a primeira encabezada por Hernán Sánchez de Palazuelos e a segunda por Ruy González de Clavijo. Desta segunda quedou a relación da viaxe escrita na Embajada a Tamorlán.
Xoán (1405 - 1454), que o sucedeu no trono como Xoán II.
Coa súa saúde afectada, nos seus últimos anos delegara parte do poder efectivo no seu irmán Fernando de Antequera, que sería rexente durante a minoría de idade de Xoán II.