Adolph Arthur Marx, máis coñecido coma Harpo Marx, nado en Nova York o 23 de novembro de 1888 e finado nos Ánxeles o 28 de setembro de 1964, foi un dos Irmáns Marx, un grupo de Vodevil e artistas do Teatro de Broadway que despois se fixeron famosos en todo o mundo polas súas intervencións no cinema. Era ben coñecido polos seguintes trazos: nunca falaba, tocaba a arpa e empregaba para comunicarse cos demais asubíos e tamén unha bucina.
En xaneiro de 1910, Harpo uniuse a dous dos seus irmáns, Julius e Herbert, para formar "The Three Nightingales". Harpo deixou de falar en escena a raíz dunha crítica que lles fixeron nun xornal, a cal se refería ao seu bo traballo xestual e de caracterización, e que este se botaba a perder cando falaba.
Na súa autobiografía sinalou que a súa nai Minnie Marx foi quen lle regalou unha arpa e ós poucos comezou a tocala nos escenarios. A súa formación musical, coma a seus irmáns, era autodidacta.
Pouco antes de comezar a segunda guerra mundial trocou o seu nome polo de Arthur, xa que consideraba de Adolph soaba "moi alemán".
Harpo apareceu, en solitario no filme Too Many Kisses, catro anos antes do debut no cinema dos Irmáns Marx. Aquí aparece a única frase que dixo diante dunha cámara. Mais o filme era mudo e único que o público puido ver foi a Harpo movendo os beizos e unha liña de subtítulos que dicía: "You sure you can't move?" (Seguro que non te podes mover?).
Harpo casou coa actriz Susan Fleming o 28 de setembro de 1936. A parella chegou a adoptar catro nenos: Bill, Alex, Jimmy e Minnie.