Habitabilidade planetaria

Comprender a habitabilidade planetaria é, en parte, extrapolar as condicións terrestres, xa que a Terra é o único planeta coñecido que contén vida.

A habitabilidade planetaria é unha medida do potencial que ten un corpo astronómico de sustentar vida. Pódese aplicar tanto ós planetas coma ós satélites naturais dos planetas. O único requisito absoluto para a vida é unha fonte de enerxía. Por este motivo, é interesante determinar a zona de habitabilidade de diferentes estrelas, mais a noción de habitabilidade planetaria implica o cumprimento de moitos outros criterios xeofísicos, xeoquímicos e astrofísicos para que un corpo astronómico sexa quen de sustentar vida.

Como se descoñece a existencia de vida extraterrestre, a habitabilidade planetaria é, en gran parte, unha extrapolación das condicións da Terra e as características do Sol e do Sistema Solar que semellan favorables para a aparición da vida. É de interese particular o conxunto de factores que favoreceron o xurdimento na Terra de animais pluricelulares e non só organismos unicelulares. A investigación e a teoría sobre este tema son compoñentes da ciencia planetaria e a disciplina emerxente da astrobioloxía.

A idea de que outros planetas poidan aloxar vida é moi antiga, aínda que historicamente estivo enmarcada tanto dentro da filosofía como dentro das ciencias físicas. A finais do século XX vivíronse dous grandes avances nesta materia. Para comezar, a exploración robótica e a observación doutros planetas e satélites naturais do Sistema Solar subministraron información esencial para definir os criterios de habitabilidade e permitiron establecer comparanzas xeofísicas substanciais entre a Terra e outros corpos. O descubrimento de planetas extrasolares —que comezou en 1992 e se disparou dende entón— foi o segundo fito. Confirmou que o Sol non é único que aloxa planetas e estendeu o horizonte da investigación sobre habitabilidade alén do Sistema Solar.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Cohen, Jack e Ian Stewart. Evolving the Alien: The Science of Extraterrestrial Life, Ebury Press, 2002. ISBN 0-09-187927-2
  • Dole, Stephen H. Habitable Planets for Man, American Elsevier Pub. Co, 1970. ISBN 0-444-00092-5
  • Fogg, Martyn J., ed. "Terraforming" (entire special issue) Journal of the British Interplanetary Society, abril de 1991.
  • Fogg, Martyn J. Terraforming: Engineering Planetary Environments, SAE International, 1995. ISBN 1-56091-609-5
  • González, Guillermo e Richards, Jay W. The Privileged Planet, Regnery, 2004. ISBN 0-89526-065-4
  • González, Guillermo; Richards, Jay Wesley. El planeta privilegiado: cómo nuestro lugar en el cosmos está diseñado para el descubrimiento, Ediciones Palabra, 2006, ISBN 978-84-8239-989-8
  • Grinspoon, David. Lonely Planets: The Natural Philosophy of Alien Life, HarperCollins, 2004.
  • Lovelock, James. Gaia: A New Look at Life on Earth. ISBN 0-19-286218-9
  • Schmidt, Stanley e Robert Zubrin, eds. Islands in the Sky, Wiley, 1996. ISBN 0-471-13561-5
  • Ward, Peter e Donald Brownlee. Rare Earth: Why Complex Life is Uncommon in the Universe, Springer, 2000. ISBN 0-387-98701-0