O HMS Duke of Edinburgh foi o principal buque dos cruceiros acoirazados da clase do mesmo nome construídos para a Royal Navy a mediados da década de 1900. Foi destinado ao mar Mediterráneo cando comezou a primeira guerra mundial e participou na persecución do cruceiro de batalla alemán SMS Goeben e do cruceiro lixeiro SMS Breslau. Despois de que os barcos alemáns acadasen as augas otomás, o Duke of Edinburgh foi enviado ao mar Vermello a mediados de agosto para protexer os convois de tropas que chegaban da India. O buque foi transferido á Grand Fleet en decembro de 1914 e participou na batalla de Xutlandia en maio de 1916. Non foi danado durante esa batalla, sendo o único barco do seu escuadrón que sobrevivíu. Finalmente foi transferido ao océano Atlántico en agosto de 1917 para escoltar convois. O buque sería vendido para o despedazamento en 1920.
Descrición
O Duke of Edinburgh desprazaba 12.790 toneladas en baleiro e 14.189 t totalmenete cargado. O barco tiña unha eslora de 154,1 m, unha manga de 22,4 m e un calado de 8,2 m. Estaba impulsado por motores de vapor de tripla expansión de catro cilindros, que conducían a dous eixos, e que producían un total de 23.000 CV dándolle unha velocidade máxima de 23 nós (43 km/h). Os motores estaban alimentados por 20 caldeiras acuatubulares Babcock & Wilcox e 6 caldeiras cilíndricas. O barco cargaba un máximo de 2.180 t de carbón e 610 t adicionais de fuel oil que se pulverizaba sobre o carbón para incrementar a súa velocidade de combustión. A plena capacidade, podía percorrer 8.130 millas náuticas (15.060 km) a unha velocidade de 10 nós (19 km/h). A dotación do barco era de 789 oficiais e mariñeiros.
Armamento
O seu principal armamento consistía en seis canóns de 234 mm en torretas sinxelas. Os canóns estaban distribuídos en dous torretas na liña central (unha a proa e outra a popa) e catro torretas dispostas nas esquinas ao redor das chemineas. O seu armamento secundario de catro canóns de 152,4 mm organizouse en casamatas individuais. Estaban montadas en medio do barco na cuberta principal e só podían ser usadas co tempo en calma. Foi equipado tamén con vinte Vickers QF de 47 mm, seis nos teitos das torretas e o resto na superestrutura. O barco tamén montaba tres tubos de torpedos somerxidos de 450 mm.