Giardia

Giardia é un xénero de protozoos flaxelados anaeróbicos parasitos que colonizan e se reproducen no intestino delgado de varios vertebrados, causando a xiardíase. A especie deste xénero que infecta os humanos é Giardia lamblia (=G. intestinalis=G. duodenalis). O seu ciclo de vida alterna entre un trofozoíto que nada activamente e un quiste resistente infectivo. Giardia xa foi descrito polo microscopista holandés Antoni van Leeuwenhoek en 1681.[1] O nome do xénero procede do apelido do zoólogo francés Alfred Mathieu Giard.[2]

Características

Como outras diplomónadas, Giardia ten dous núcleos, cada un con catro flaxelos asociados, e carece tanto de mitocondrias coma de aparato de Golgi. Porén, posúen un sistema endomembranoso complexo e relictos mitocondriais, chamados mitosomas.[3][4] Os mitosomas non se usan para a síntese de ATP como farían as mitocondrias, senón que están implicados na maduración de proteínas de ferro-xofre.[5] As sinapomorfias do xénero Giardia inclúen células con orgánulos duplicados, ausencia de citostomas, e disco adhesivo ventral.[6]

Infección e síntomas

Micrografía electrónica de varrido do intestino delgado dun roedor xerbilino infestado por Giardia na que se observa a superficie da mucosa case enteiramente cuberta polos trofozoítos adheridos a ela.
Artigo principal: Xiardíase.

Giardia vive dentro do intestino de humanos infectados e outros animais. Os individuos poden infectarse inxerindo ou poñéndose en contacto con alimentos contaminados, o solo ou auga. O parasito Giardia atópase en superficies e produtos contaminados por feces dun portador infectado.[7]

Os síntomas, que poden aparecer dous días despois da infección, inclúen diarreas violentas, exceso de gas, cambras abdominais e estomacais, malestar estomacal e náuseas. Como resultado prodúcese deshidratación e perda de nutrientes, o que pode necesitar un tratamento inmediato. A infección típica nun individuo pode ser leve e resolverse sen tratamento, e durar entre 2–6 semanas, aínda que ás veces pode durar máis e ser grave. É posible a coexistencia co parasito (os síntomas atenúanse), polo que o individuo convértese nun portador e pode transmitirllo a outros. A xiardíase fai que as vilosidades do intestino delgado se atrofien e se aplanen, o que ten como resultado unha mala absorción intestinal. Pode persistir unha intolerancia á lactosa despois da erradicación de Giardia do tracto dixestivo.[8]

Sistemática

Describíronse unhas 40 especies deste xénero en diferentes animais, peroi moitas delas son probablemente sinónimas.[9] Actualmente, recoñécense cinco ou seis especies morfoloxicamente distintas.[10] Giardia lamblia (=G. intestinalis, =G. duodenalis) infecta a humanos e outros mamíferos, G. muris encóntrase noutros mamíferos, G. ardeae e G. psittaci en aves, G. agilis en anfibios e G. microti en ratiños arvicolinos.[2] Outras especies descritas (pero non validadas) son as da lista.[11] Para discriminar entre especies de Giardia desenvolvéronse probas moi específicas de PCR e de detección con sondas xenéticas. O máis común e rápido é identificalas por microscopia e técnicas de inmunofluorescencia.[12]

Os estudos xenéticos e bioquímicos mostraron que había unha gran heteroxeneidade en Giardia lamblia, que contén probablemente polo menos oito liñaxes ou especies crípticas.[13]

Xenoma

A primeira diplomónada á que se secuenciou o xenoma foi un illado de Giardia (WB). Tiña un xenoma de 11,7 millóns de pares de bases de estrutura compacta que codificaba un metabolismo e maquinarias celulares básicas. Actualmente, están a secuenciarse os xenomas de varios outros illados de Giardia e de diplomónadas (os patóxenos de peixes Spironucleus vortens e S. salmonicida).[14]

Un segundo illado (a ensamblaxe B) procedente de humanos foi tamén secuenciado xunto con especies procedentes de porcos (a ensamblaxe E).[15] O xenoma contén uns ~5000 xenes. A ensamblaxe E está máis estreitamente relacionada coa ensamblaxe A que coa B. Atopáronse varios rearranxos cromosómicos.

Notas

  1. Stanley L. Erlandsen; Ernest A. Meyer (1 March 1984). Giardia and Giardiasis: Biology, Pathogenesis, and Epidemiology. Springer. pp. 131–. ISBN 978-0-306-41539-5. 
  2. 2,0 2,1 Adam RD (July 2001). "Biology of Giardia lamblia". Clin. Microbiol. Rev. 14 (3): 447–75. PMC 88984. PMID 11432808. doi:10.1128/CMR.14.3.447-475.2001. 
  3. Soltys BJ, Falah M, Gupta RS (July 1996). "Identification of endoplasmic reticulum in the primitive eukaryote Giardia lamblia using cryoelectron microscopy and antibody to Bip". J. Cell. Sci. 109 (Pt 7): 1909–17. PMID 8832413. Arquivado dende o orixinal o 30 de maio de 2020. Consultado o 16 de abril de 2015. 
  4. Dolezal P, Smíd O, Rada P; et al. (August 2005). "Giardia mitosomes and trichomonad hydrogenosomes share a common mode of protein targeting". Proc. Natl. Acad. Sci. U.S.A. 102 (31): 10924–9. PMC 1182405. PMID 16040811. doi:10.1073/pnas.0500349102. 
  5. Tovar J.; et al. (2003). "Mitochondrial remnant organelles of Giardia function in iron-sulphur protein maturation". Nature 426 (6963): 172–6. PMID 14614504. doi:10.1038/nature01945. 
  6. Cepicka, Ivan (September 2008). "Fornicata". Tree of Life Web Project. 
  7. Filice, F.P. (1952). "Studies on the cytology and life history of a Giardia from the laboratory rat". U. C. Publications in Zoology (Berkeley CA: University of California Press) 57 (2). 
  8. LaCour, Michelle (2003). "Who Is Giardia?" Arquivado 26 de marzo de 2015 en Wayback Machine.. GIARDIA. Stanford University.
  9. Meyer E.A., Radulescu S. (1979). "Giardia and Giardiasis". Advances in Parasitology 17: 1–47. PMID 395833. doi:10.1016/S0065-308X(08)60548-5. no 
  10. Brusca, R.C.; Brusca, G.J. (2003). Invertebrates (2nd ed.). Sinauer Associates. ISBN 0878930973. 
  11. "Giardia Kunstler". Tree of Life Web Project. September 2008. Arquivado dende o orixinal o 30 de maio de 2020. Consultado o 16 de abril de 2015. 
  12. Mahbubani et al. 1992
  13. Thompson RC, Monis PT (2004). "Variation in Giardia: implications for taxonomy and epidemiology". Adv. Parasitol. 58: 69–137. PMID 15603762. doi:10.1016/S0065-308X(04)58002-8. 
  14. Andersson, JO; et al. (2010). "The Genome of Giardia and Other Diplomonads". Anaerobic Parasitic Protozoa: Genomics and Molecular Biology. Caister Academic Press. ISBN 978-1-904455-61-5. 
  15. Jerlström-Hultqvist J, Ankarklev J, Svärd SG (2010). "Is human giardiasis caused by two different Giardia species?". Gut Microbes 1 (6): 379–82. PMC 3056102. PMID 21468219. doi:10.4161/gmic.1.6.13608. 

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas