Giant Manufacturing Co. Ltd. (捷安特), coñecida habitualmente polo seu nome de marca Giant, é unha empresa taiwanesa de bicicletas, situada entre as maiores do mundo por produción.
Historia
Fundada en 1972 en Tachia (Taichung), Giant comezou deseñando e fabricando pezas de bicicletas para o mercado local da illa (sobre todo para Schwinn e Nishiki. En menos dunha década (1980), consegue ser o maior fabricante do seu país e a partir de 1981 muda a súa estratexia: primeiro pasa a vender as súas propias bicicletas baixo unha marca de seu (Giant) e logo en 1986 comeza a exportar vendendo no estranxeiro (o primeiro mercado foron os Países Baixos. Nos seguintes anos prosegue a súa expansión e consegue distribución nos Estados Unidos (1987), o Xapón (1989), o Canadá e Australia (1991), e a China (1992). En 1996 dá un paso máis na súa expansión e abre factoría de produción propia nos Países Baixos, á que lle seguiría ao ano seguinte a factoría da China.
O 70% das vendas de Giant (2007) baséase na venda de produtos propios, mentres que o 30% é deseño e produción para outras marcas. Nos produtos propios cobre todo o espectro do mercado de bicicletas: montaña, cidade, comepetición, encartables, eléctricas, estáticas etc. Distribúe produtos a máis de cincuenta países (10.502 tendas en xuño de 2007[1]), e en 25 ten sede e está establecido como compañía[2].
Mentres que en 2000 producía 2,5 millóns de bicicletas ao ano[3], en 2007 as dúas vendas superaban xa os cinco millóns de bicicletas anuais, e obtivo un beneficio global de 820 millóns de dólares. Dobrar a produción foi posible sobre todo grazas á súa entrada no mercado chinés, cunha factoría que se dedica á produción de bicicletas no treito barato, mentres que o treito caro, onde se concentra a innovación, se produce entre Taiwán, Europa e América[1].
Esponsorización
Giant esponsoriza dous equipos de ciclismo de nivel internacional, o Global Giant, de montaña, e o Rabobank[4], de ciclismo en estrada. Tamén patrocina diversos equipos nacionais.