Germán Díaz, nado en Valladolid (Castela e León) o 13 de decembro de 1978, é un músico español residente en Arneiro (Cospeito)[1] que destaca como zanfonista, sendo considerado como un dos intérpretes deste instrumento máis innovadores de Europa,[2] chamado por algúns "O Jimi Hendrix da zanfona".[3] Ao longo da súa traxectoria ten tocado en numerosos países de todo o mundo. Destaca pola súa fusión da música tradicional co jazz, xénero no que destacan as súas colaboracións co contrabaixista galego Baldo Martínez.
En 1996 gañou un concurso de canto tradicional que promovía a Xunta de Castela e León, e decidiu empregar os cartos do premio en comprar no único instrumento decente que se axustaba ao seu presuposto, unha zanfona de segunda man que vendía Carlos Beceiro, do grupo folkLa Musgaña. Comezou a súa formación zanfonística da man do seu tío, o etnógrafo e folclorista Joaquín Díaz, e o cantautorbercianoAmancio Prada.[2] Froito do seu labor de recompilación e difusión da música tradicional, recibiu en 1999 o premio Racimo de Oro da música.
Germán Díaz foi o único zanfonista do Estado español que pertenceu á Viellistic Orchestra, unha orquestra de zanfonas francesa integrada por algúns dos mellores zanfonistas do mundo e que desaparecería no ano 2004. Trala desaparición da agrupación francesa, Germán, formou un dúo xunto co director artístico da orquestra, Pascal Lefeuvre, amais de cofundar o Symphonía Quartet, e o cuarteto ibérico de zanfonas, xunto con Rafael Martín, Marc Egea e Pascal Lefeuvre. Ese mesmo ano creou a súa propia discográfica, Producciones Efímeras xunto con Fernando Fuentes, prestando especial atención aos traballos de novos zanfonistas.
Representou a Castela e León no PopKomm de Berlín (Alemaña) en 2005, ao ano seguinte foi escollido para representar o Estado español no 27º Festival da Unión Europea de Radiodifusión celebrado en Finlandia, e en 2009 foi seleccionado pola Embaixada Española para representar ao país nas prestixiosas European Jazz Nights en Oslo (Noruega). Ese mesmo ano recibiu o premio á mellor banda sonora no Festival de Cortometrajes La Fila, por Artículo 349.