A Gallia Aquitania (Galia Aquitania ou Galia Aquitana) foi unha das tres provincias (Aquitania, Bélxica e Lionesa) creadas na Galia por Octavio Augusto no ano 27. O seu territorio, inicialmente limitado ao triángulo Pireneos - océano Atlántico - Garona, foi aumentado cunha parte da Galia central, até o río Loira.
Historia
Foi conquistada por Crassus, tenente de Xulio César en 54 ane. A Galia Aquitana era unha provincia imperial. A súa capital foi sucesivamente:
Mediolanum Santonum (Saintes), desde a creación da provincia até o final do século I.
Burdigala (Bordeos), a partir do século III, aínda que xa adquirira en 48 o estatuto prestixioso de municipio de dereito latino.
Ignórase que cidade foi capital da Galia Aquitania durante o século II: foi quizais en primeiro lugar Saintes e despois Bordeos. É tamén posíbel que Lemonum (Poitiers) fose capital nesa época.
Os romanos desenvolveron en Aquitania numerosas cidades: Burdigala (restos dun anfiteatro chamado Palacio Galiano), Vesuna (Périgueux, restos dun anfiteatro e dun templo galorrománico), Mediolanum Santonum (Saintes, vestixios dun anfiteatro e dun arco de triunfo), Limonum (Poitiers), Avaricum (Bourges), Augustonemetum (Clermont-Ferrand), Aginnum (Agen), Augustoritum (Limoges) etc.
Aquitania prosperou durante o Império romano. Unha das vías do estaño de Cornualla pasaba, tras atravesar a Armórica, por Bordeos, Tolosa e Narbona. Os romanos trouxeron a viña á provincia, e artesáns vidos do Arezzo lanzaron a produción de cerámica sigillata en Condatomagos (o Gaufresenque, preto de Millau) e Lusonum (Lezoux, preto de Thiers), atinxindo un nivel case industrial. A súa produción de calidade estendeuse amplamente en toda a Galia, Italia e Xermania.
Baixo a tetrarquía, a Galia Aquitania divídese en tres provincias:
Devastadas como o resto da Galia polas invasións xermánicas desde 406, a Aquitania Segunda e a Novempopulania foron ocupadas polos visigodos co estatuto de federados a partir de 418. Finalmente, estes se apoderan tamén da Aquitania Primeira en 475. Con todo, a presenza xermánica, pouco numerosa e dispersa, non lles impide conservar o poder aos patricios galorromanos locais. Neste contexto, a Aquitania manterá estreitas relacións co reino dos visigodos da Hispania. Finalmente, a Aquitania visigoda será anexionada ao Reino dos Francos no século VI.