A galiña de Mos (ou raza de Mos) é unha das razas de pita máis antigas da Península Ibérica. Orixinaria de Galicia debe o seu nome á parroquia de San Xiao de Mos (no concello de Castro de Rei, Lugo), xa que foi nesta zona onde se comezou o proceso de selección para a recuperación da raza orixinal.
O trazo máis salientable é a súa crista en chícharo, que se caracteriza por ser pequena e ter tres filas de papilas ou puntos. Esta raza adáptase con facilidade a condicións climatolóxicas adversas.
Historia
A comezos do século XX existía unha clara diferenza entre as galiñas da costa e do interior de Galicia (de máis volume e peso) e as galiñas da montaña (de menor tamaño). En 1935, a raíz da creación da Estación Pecuaria Rexional de Lugo, o veterinario Blas Martínez Inda iniciou o traballo de recuperación da Raza de Mos mediante a adquisición de ovos na Terra Chá, publicando ese mesmo ano o primeiro patrón da raza.
Nos anos posteriores fóronse ampliando o censo da raza e a súa venda a criadores interesados. En 1942, o veterinario Juan Rof Codina involucrouse na divulgación da raza realizando unha serie de estudos. Como consecuencia conseguiuse aumentar a capacidade de posta das galiñas de 128 ovos anuais de media (en 1939) a 154. No ano 1945 creouse a Cátedra de Divulgación Pecuaria de Galicia que, coa impartición de clases polas catro provincias galegas, permitiu dar a coñecer a Raza de Mos (seleccionada xa por aquel entón coas mesmas características que presenta na actualidade). Pola súa banda, a Estación Pecuaria Rexional de Galicia repartiu lotes da raza ata 1971, ano no que desapareceu a súa sección avícola.
Na década dos anos 60 realizáronse mudanzas orientadas cara a unha avicultura industrializada, o que propiciou os cruces entre razas para obter maior produtividade, producíndose deste xeito unha mingua na cría da Raza de Mos que a levou ao bordo da súa extinción.
A mediados de 2000, a Xunta de Galicia incluíu a Galiña de Mos nos programas de recuperación de razas gandeiras e iniciouse o “Programa de Recuperación e Conservación da raza Galiña de Mos”. Trala observación dos exemplares existentes e a consulta de datos históricos, redactouse un novo patrón da raza e creouse o Rexistro de Exemplares (publicado no Diario Oficial de Galicia o 11 de maio de 2001). Asemade, a finais de 2001 creouse a Unidade de Recuperación da Raza Galiña de Mos no Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, con lotes de aves en galiñeiros situados en zonas exteriores, e onde calquera interesado pode adquirir algún destes animais para a cría.
Características xerais
A Galiña de Mos posúe unha testa máis ben pequena, unha cara vermella e lisa, unha crista en chícharo con tres filas de papilas ou puntos ben definidos de cor vermella, e un bico forte e ben curvado. O pescozo é esvelto e robusto, máis ben longo. O peito é ancho, profundo e prominente, de gran capacidade. As ás son máis ben pequenas, ben pregadas e cinguidas ao corpo, e a cola é de pequeno tamaño.
Existen diferenzas evidentes entre o macho e a femia. Así, o peso dos galos oscila entre 3,5 e 4 quilos mentres que o das galiñas está en torno a 2,5 e 3 quilos. A crista, as barbiñas e as orelliñas son máis pequenas nas galiñas, e o peito é menos prominente; asemade, as femias son de formas máis redondeadas. A plumaxe en ambos sexos é brillante, abundante e compacta, de cor roxa escura para o corpo, sendo a esclavina de cor máis clara no caso dos machos e de cor máis intensa nas femias.
Os ovos teñen un peso mínimo de 50 gramos, cunha casca de cor marrón clara.
O 16 de xaneiro de 2010 tivo lugar o I Certame de Exposición e Degustación do Galo de Mos na parroquia de San Xiao de Mos, en Castro de Rei, organizada polo concello e a asociación de veciños da parroquia.
Evolución da poboación
Ano
Femias
Machos
Total
Ganderías
2009
12 463
4 587
17 050
444
2010
22 000
7 855
29 855
510
2011
21 398
6 871
28 269
518
2012
16 932
6 902
23 834
455
2013
17 615
8 801
26 416
271
2014
17 435
8 302
25 737
237
2015
17 419
8 155
25 574
210
2016
17 232
8 819
26 051
194
2017
17 251
8 485
25 736
176
2018
18 728
9 965
28 693
173
2019
17 426
10 150
27 576
173
2020
14 543
6 821
21 364
176
2021
17 153
9 370
26 523
167
2022
14 404
7 062
21 466
166
Gráfica de evolución demográfica da galiña de Mos entre 2009 e 2022