O Cabalo de Pura Raza Galega (PRG) é a denominación que recibe oficialmente[1][2] unha raza de cabalosEquus ferus caballus de pequeno tamaño, recoñecida como raza equina autóctona de Galicia. Outras denominacións tradicionais son cabalo galego de monte,[3][4]cabalo galaico, poni galego, faca galiciana, faca galega ou, simplemente, cabalo do país.[5]
Recentemente tense suxerido a pertenza desta raza a unha nova subespecie de cabalos, o Equus ferus atlanticus.[6] Para esta nova subespecie propúxose a denominación de "garrano".[7]
A finais do século XX atopábase en estado de perigo de extinción: en 1999 o rexistro oficial mantiña un censo de soamente 190 exemplares. O programa para procurar a súa recuperación e preservación conseguiu censar en 2001 450 exemplares (o 80% deles en idade reprodutora) e a finais de 2012 a poboación censada era de máis de 1.500 exemplares.[8][9]
A teoría máis aceptada sobre a orixe do cabalo galego de pura raza sostén que foron os pobos celtas chegados do norte da Península Ibérica, cara aos séculos VII e VI a.C., os que introduciron un cabalo de testa pequena e orellas curtas, grupa forte, e pelo basto de cor escura. A eles refírense autores clásicos, como Estrabón, Marcial ou Plinio, ou da época medieval da Reconquista, onde a cría cabalar vencellouse fortemente á actividade colonizadora dos mosteiros establecidos durante os séculos X e XI.[8]
Este tronco común foise diferenciando ao longo dos séculos polas condicións ambientais e a intervención de procesos de mestizaxe dando orixe ás diversas razas afíns á galega que se espallan pola fachada atlántica europea dende Portugal ata Escocia e Islandia.
Malia vivir tradicionalmente en réxime de liberdade nas áreas montañosas do relevo galego, principalmente en grupos ou mandas, o cabalo galego foi explotado polo ser humano na antigüidade como animal de combate, e posteriormente destinado á montura e ós labores rurais, sendo en menor medida, polas características da súa carne, empregado tamén para a produción cárnica e o consumo.
Coa mecanización da agricultura e o interese preferente por aumentar a poboación de animais destinados á produción de carne, nas últimas décadas do século XX a poboación de cabalo de monte xeneticamente pura viuse minguada por mor de procesos de mestizaxe. Neste contexto, cara a finais da década de 1980, a iniciativa de diversos organismos internacionais como Nacións Unidas e a FAO ou a entón CEE, promovéronse nas instancias de política agraria diversas iniciativas destinadas á protección e conservación das razas domésticas en perigo de extinción[10].
Desenvolvemento lexislativo
Mentres estudos académicos e universitarios constataban a deterioración e retroceso do estado xenético do cabalo galego de monte, a CEE publicou en 1992, no marco da reforma da Política Agraria Común, o Regulamento (CEE) 2078/92 do Consello, do 30 de xuño, polo que se provisionaba unha axuda económica ás iniciativas nos Estados membros en favor da crianza e mantemento de animais de razas locais en perigo de extinción. O novo Regulamento serviu tamén para a constitución do organismo europeo Centro de Estudos e de Investigación sobre a Economía e a Organización das Producións Animais (CEREOPA) coa finalidade de seleccionar, tras un inventario, aquelas razas de interese en perigo e definir os requisitos para o desenvolvemento das políticas para a súa protección.
En Galicia constituíuse en 1997 a Asociación de propietarios e criadores de cabalo galego de monte e, pouco máis tarde, elaborouse dende o goberno autónomo un primeiro plan de fomento, mellora e conservación do cabalo galego que, con todo, foi criticado dende as asociacións de gandeiros por consideralo un instrumento de control da Administración.
O CEREOPA fixo público en 1994 a lista europea de razas equinas de especial protección, na que incluíu o cabalo galego de monte e, pouco despois, o Estado español adoptaba o ordenamento comunitario por medio do Real decreto 51/1995, de 20 de xaneiro, que se comezou a aplicar en Galicia a partir de 1996. Con todo, durante o mesmo ano unicamente foron rexistrados cinco exemplares, como resultado das reticencias non resoltas por parte dos gandeiros que vían insuficiente a compensación censal de animais puros, unha perda económica en comparación co cruzamento dos exemplares con outros doutras razas de tamaño medio para a produción de carne[11].
Descrición da raza
O cabalo de pura raza galega é un cabalo de perfil recto ou subcóncavo, de proporcións pequenas. A alzada á cruz oscila entre os 120 e 140 cm.
A cor da capa é negra ou castaña, cos extremos escuros. Crinas e rabo negros, con cerdas longas e abundantes. Admítese a presenza dunha estrela na fronte, aínda que se considera un defecto. Rexéitase calquera despigmentación na capa.
Na cabeza destaca un abundante topete de pelo sobre a fronte. Ten orellas pequenas e abundante pelo. No belfo pode presentar un bigote patente (indicativo da rusticidade da raza) e longos pelos na queixada (barbela). A cruz adoita ser marcada e a liña dorsolumbar lixeiramente afundida, tendendo a recta. As patas son curtas, finas pero fortes. O casco é escuro ou negro, pequeno e duro.
Distribución e cría
O cabalo de pura raza galega críase fundamentalmente en réxime de liberdade (ó redor do 75% dos exemplares) en montes comunais das provincias da Coruña e Pontevedra, así como no norte da de Lugo e algunhas mandas no oeste da de Ourense. O terreo axeitado para a cría son as serras abertas, con abundante vexetación arbustiva e escasas árbores e libres da presión humana, espazos nos que se criaba en réxime extensivo, ceibo durante todo o ano. Por tratarse dunha raza rústica, capaz de aproveitar os escasos recursos alimenticios que ofrecen estes ecosistemas e resistir as duras condicións climatolóxicas, desenvólvense e multiplícanse facilmente nestas condicións, onde ningunha raza especializada sobreviviría. O cambio de réxime de cría extensiva cara á estabulación permanente no caso dos exemplares destinados a equitación explica o cambio desde a denominación orixinal de Cabalo galego de monte á actual de Cabalo de Pura Raza Galega, contemplando así a cría intensiva[12].
O seu aproveitamento non é cárnico, dado o reducido hábito en Galicia de comer carne de cabalo, senón para actividades deportivas e de lecer, turismo ecuestre etc. Outras razas autóctonas procedentes do mesmo tronco, criadas en Francia ou Inglaterra, xa son de uso normal en equitación.
A cría no monte ofrece unha vantaxe secundaria: ó comer na matogueira e actuaren a modo de desborazadores naturais, inflúen positivamente na redución en número e extensión dos incendios forestais. Este valor ecolóxico da presenza do cabalo ceibo no monte súmase ó aproveitamento puramente gandeiro.
Evolución da poboación
Ano
Femias
Machos
Total
Ganderías
2009
778
127
905
1
2010
1 119
250
1 369
280
2011
1 245
281
1 526
334
2012
1 276
245
1 521
265
2013
1 337
286
1 623
304
2014
1 385
321
1 706
314
2016
1 402
281
1 683
303
2017
1 252
231
1 483
277
2018
1 291
252
1 543
279
2019
1 415
285
1 700
280
2020
1 361
248
1 609
73
2021
1 490
267
1 757
288
2022
1 797
301
2 098
291
Gráfica de evolución demográfica do cabalo de pura raza galega entre 2009 e 2022
↑Orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, de 4 de abril de 2001 pola que se establece a regulamentación específica do Libro Xenealóxico do Cabalo de Pura Raza Galega (DOG nº 74, de 17 de abril).
↑Orde APA/33/2002, de 2 de xaneiro, pola que se modifica o Catálogo Oficial de Razas de Gando de España, de conformidade co previsto no Real decreto 1682/1997, de 7 de novembro, polo que se actualiza o Catálogo Oficial de Razas de Gando de España (BOE nº 13, de 15.01.2002).
↑Esta foi a denominación coa que figuraba no Catálogo Oficial de Razas de Gando de España, no que se introduciu en 1997, ata a súa reforma pola Orde APA/33/2002.
↑BÁRCENA, F. 2012. Garranos: Os póneis selvagens (Equus ferus sp.) do norte da Península Ibérica. Pp 75-96, Livro de Atas, I Congresso Internacional do Garrano, Arcos de Valdevez, 23-25 setembro 2011.
↑MAGDALENA R. y VIDAL T. 1984. Los garranos galaicos. Quercus 15: 35-38.
↑Pose e col. cifraban o diferencial do prezo da carne de entón dun poni de pura raza a outro cruzado en 60 ou 90 euros.
↑Que, contra 2001, era xa do 20% aproximadamente dos exemplares rexistrados.
↑"Aplicación ARCA". servicio.mapa.gob.es/arca. Consultado o 31 de agosto de 2023.
Véxase tamén
Bibliografía
Pose, H., G. Rivero, A. Fernández, J.L. Viana, G. Santamarina e M. Fernández: "Actuaciones para la conservación del cabalo galego de monte" en Archivos de Zootecnia 0004-0592 2001 vol 50; núm. 189-190; pp. 251–258. Dispoñible en [1]
Fernández Rodríguez, Miguel, e outros: Razas autóctonas de Galicia en perigo de extinción. Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, 2001