Franck Steve Songo'o, nado en Yaoundé o 14 de maio de 1987, é un exfutbolista camerunés. Xogaba de centrocampista e dianteiro e desenvolveu a súa carreira principalmente en España e Inglaterra. Foi internacional coa selección do Camerún.
É fillo do ex-porteiro Jacques Songo'o e irmán do centrocampista Yann Songo'o.
Traxectoria
Comezos
Fillo do gardameta camerunés Jacques Songo'o, naceu en Yaoundé, trasladándose a curta idade a Europa, tralo salto de seu pai ao fútbol francés. Comezou a xogar nas categorías inferiores do Metz, club no que militou seu pai entre 1993 e 1996, e trala fichaxe deste polo Deportivo da Coruña, a familia instalouse en Galicia.[1]
Ao pouco de chegar á Coruña, e por mediación de José Ángel Franganillo, Franck comezou a xogar de dianteiro no equipo dos Salesianos, dependente do Orillamar SD.[1] Xogou máis tarde no propio Orillamar e formou parte da selección coruñesa de fútbol 7.[2] En xuño de 1999 participou no Torneo de Brunete representando ao Deportivo da Coruña, que daquela aínda non tiña equipo alevín, e realizoun unha destacada actuación.[3] En 2001 entrou na canteira do FC Barcelona, despois de rexeitar unha oferta do Real Madrid.[4]
Portsmouth
Despois de catro anos en Barcelona, e de debutar en Terceira División co FC Barcelona C, no verán de 2005 fichou polo Portsmouth inglés, co que debutou na Premier League da man do adestrador Alain Perrin o 24 de setembro fronte ao Bolton Wanderers. Ao non contar apenas con minutos, en 2006 saíu cedido ao Bournemouth, da Football League One (terceira división do fútbol inglés), e a continuación foi cedido a tres equipos da Football League Championship: o Preston North End, o Crystal Palace e o Sheffield Wednesday. O 13 de xaneiro de 2008 xogou o seu terceiro e derradeiro partido na Premier, nunha derrota por 2-0 contra o Sunderland.
Real Zaragoza
En agosto de 2008 fichou polo Real Zaragoza,[5] co que disputou 26 partidos esa tempada, a maioría entrando dende o banco, e anotou un gol fronte ao Las Palmas. O equipo, adestrado por Marcelino García, logrou ese ano o ascenso á Primeira División. Debutou na máxima categoría na xornada 3 da tempada 2009/10, contra o Valladolid na Romareda, pero a falta de minutos fixo que fose cedido no mercado invernal á Real Sociedad, que estaba líder da Segunda División.[6] Disputou oito encontros co equipo vasco, adestrado por Martín Lasarte, e acabou proclamándose campión da categoría.
Últimos anos como profesional
Na tempada 2010/11 fichou polo Albacete, co que xogou só seis partidos e descendeu á Segunda División B. Deixou o equipo tralo descenso e despois dun tempo adestrándose co Montañeros da Coruña, realizou unha proba co Portland Timbers da MLS, co que asinou finalmente un contrato.[7][8] Xogou un ano no equipo estadounidense, disputando 27 encontros, marcando un gol e repartindo cinco asistencias.[9]
Despois dun breve paso polo Glyfada, da segunda división grega, fichou en decembro de 2013 polo PAS Giannina, da Superliga de Grecia, onde pouco despois puxo fin á súa carreira como futbolista profesional.[10] Fóra do fútbol dirixiu na Coruña negocios postos en marcha por seu pai.[11]
Selección nacional
Foi internacional coa selección francesa sub-19 e en 2008 pediu á FIFA un cambio de selección, para poder representar ao Camerún nos Xogos Olímpicos de 2008. A solicitude foi aceptada e Songo'o participou na cita olímpica, tendo como compañeiros entre outros a Mbia, Song e Nkoulou. Disputou os catro partidos do seu equipo, que caeu eliminado en oitavos de final contra o Brasil, grazas a dous goles na prórroga de Sóbis e Marcelo.[12]
Debutou coa selección absoluta do Camerún en setembro de 2008, nun partido de clasificación para o Mundial de 2010 contra Cabo Verde, e sumou un total de tres internacionalidades.[13]
Palmarés
Real Sociedad
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas