Francisco Javier Moldes Fontán, nado en Porráns (Barro) o 4 de maio de 1949, é un político, profesor e crítico literario galego. Tamén traballou en embaixadas con carácter diplomático. Foi un dos fundadores do Centro Democrático y Social e deputado na III lexislatura de España.
Como profexor exerceu de interino en Pontevedra, fixo as prácticas en Ourense, logo estivo catro cursos no Porriño, dous en Marín, despois de ser deputado volveu a Marín, e finalmente no IES Sánchez Catón, onde se xubilou en 2018.
Malia non ter militancia política anterior, en 1982 foi un dos fundadores do Centro Democrático y Social (CDS) xunto ao expresidente do Goberno Adolfo Suárez, sendo elixido primeiro Secretario Xeral en Galiza e Presidente Provincial en Pontevedra (1982-1989). Nas eleccións xerais de 1986 foi elixido deputado ao Congreso dos Deputados por Pontevedra, sendo nomeado portavoz de varias comisións parlamentarias, como Educación e Ciencia, Cultura e Defensor del Pueblo en representación do CDS. Participou activamente con propostas contra o narcotráfico en Galiza, a creación do Instituto Cervantes e a Oficina do Soldado. Amais, propuxo no Congreso a emisión en Televisión Española dun programa para a procura de persoas desaparecidas, que deu pé á creación de Quién sabe dónde, presentado por Paco Lobatón.
Entre 1990 e xullo de 2005 traballou en postos de diplomático nas embaixadas españolas no Brasil, Portugal, sendo embaixador Raúl Morodo, e Marrocos. Tamén colaborou como lector de español na Universidade Nova de Lisboa e na Facultade de Letras da Universidade de Rabat. En agosto de 2012 foi nomeado polo Ministro José Ignacio Wert, Conselleiro de Educación, Cultura e Deporte da Embaixada de España en Bos Aires, dependendo tamén as agregadourias do Uruguai, Chile e Paraguai.[4]