Atópase en prados e terreos á luz solar directa ou media sombra, arredor do Mediterráneo, por Oriente Medio, e o norte de África.
Descrición
As follas son oblongas cunha lonxitude de 5 cm, crecen desde os tubérculos subterráneos que teñen un tamaño máximo de 6 cm e son elipsoides.
A inflorescencia que é erecta en espiga, sae da roseta basal de 5 a 10 follas oblongo lanceoladas que ás veces están moteadas de puntos púrpura marronáceos. O tallo está cuberto por unha bráctea cor verde até 2/3 da súa lonxitude.
Presenta unha densa floración con flores pequenas en forma cónica. Os tres sépalos son iguais en tamaño estando soldados polos lados quedando os ápices soltos, estes extremos soltos dos dous laterais cúrvanse cara a arriba e o central arquéase cara a abaixo. Forman unha especie de gorra que cobre a columna. Os sépalos presentan unha cor púrpura con liñas converxentes de ton máis intenso.
O labelo sobresae debaixo do casco 3/4 partes, é de cor rosa esbrancuxada e está profusamente moteado con puntos de rosa máis intensa. O labelo presenta tres lóbulos, o central, máis ancho, ten dúas identacións profundas (no centro sobresae un floco moito máis fino que os flocos que quedan a ambos lados), e dous lóbulos máis pequenos e delgados un a cada lado que están lixeiramente arqueados cara a fóra e cara a arriba. Ten ademais dous pétalos moi reducidos no interior que non se observan a simple vista
Florece desde marzo até xuño. A cor pode variar desde a esbrancuxada a diferentes tons de rosa e púrpura.