O Festival do Norte (FDN) foi un festival de música pop, rock, indie e electrónica principalmente, que se celebrou dende o ano 2000 até o ano 2015 en Galicia. Vilagarcía de Arousa acolleu tódalas edicións agás tres: unha en Santiago de Compostela (no ano 2003) e outras dúas (nos anos 2014 e 2015) na Illa de Arousa. A súa duración era de dous días, un venres e mais un sábado, e adoitaba ser no mes de maio. Porén, nas últimas edicións, o festival tivo lugar en xullo durante tres días. No ano 2016 non se celebrou, sendo substituída polo Atlantic Fest[1][2].
As edicións do festival en Vilagarcía realizáronse no recinto feiral Fexdega, con capacidade para miles de persoas. A organización correu a cargo de Producciones Independientes Culturales, e os principais patrocinadores dos seus derradeiros anos foron Caixanova e Estrella Galicia, aínda que na última edición se instalou unha carpa de ensaio de Movistar. Os seus directores foron Toño Caneda e Pablo Bandín[3].
Celebrouse en Vilagarcía de Arousa, no pavillón de Fontecarmoa[4], que presentou notables problemas de son, a dicir da propia organización. Celebrouse entre os días 23 e 24 de xullo do 2000, sendo a única vez que tivo lugar entre semana (luns e martes), sen dúbida aproveitando a ponte festiva do Apóstolo. Contou coa presenza dos granadinosLos Planetas,[5]Fangoria, Chucho, Telephunken, Molotov, Los Enemigos, Elephant Band e Moop, entre outros.
FDN 01 (segunda edición)
Esta edición do Festival do Norte tivo críticas dispares no organizativo[6][7], porén contou cunha boa representación do indie nacional. Coa intención de arranxar os problemas de son do ano anterior, celebrouse no recinto da Fexdega[8][9] e participaron Deluxe, Sidonie, Automatics, Sexy Sadie, Gus Gus DJ's, Astrud, Cooper, Czerkinsky, Los Planetas, Mastretta e Le Grand David, así como os alemáns Stereo Total e Le Hammond Inferno[10]. Celebrouse, a diferenza da meirande parte das edicións seguintes, no mes de agosto de 2001, entre o 10 e o 11 de agosto. Foi organizado pola revista Vibraciones Pop[11] e dirixido por Toño Caneda[12].
FDN 02 (terceira edición)
A terceira edición tamén tivo lugar en Vilagarcía de Arousa, como «unha das referencias da música indie»[13]. Formaron parte do cartel músicos como Manu Chao[14], Psicofónica de Conxo, Kozzmic Muffin, Cinnamon Gum, Mercromina, Nosoträsh, Astrud, Volován, Lamatumbá, Nilo MC e La Habitación Roja. Actuaron na Praza da Pescadería, e algúns grupos no Instituto Castro Alobre.
FDN 03 (cuarta edición)
Nesta ocasión o festival mudou de cidade (pasou a celebrarse en Santiago de Compostela), de datas (tivo lugar entre o 31 de outubro e o 1 de novembro de 2003, sábado e domingo) e mesmo de nome, alcumándose Santirock[15]. Participaron nesta edición, segundo o cartel oficial, Placebo, Frank Black, Elbow, Deluxe, Serafin, Jupiter Moon, Luxury 54, Second, Dorian, Suede, Hoggboy, La Buena Vida, Chucho, Ellos, Clovis, Ama, Grado 33 e Heike, mais varios djs. O auditorio escollido foi o Pavillón Multiúsos Fontes do Sar[16].
FDN 05 (quinta edición)
A celebración do festival volveu a Vilagarcía de Arousa neste ano[17], participando Orishas, Macaco, Amparanoia, Kiko Veneno, O’Funk’Illo, Bunbury, Josele Santiago, Los Delinquentes, La Excepción, Carlos Jean, Fundación Tony Manero, Sidonie, Pereza, Lamatumbá, Vado Permanente, Heissel, Steelwood, Pedro Granell, Cornelius, Capitán Sonoro, Overlook e Niño y Pistola. Celebrouse no recinto exterior de Fexdega do 13 ao 15 de maio[18].