Fernando Martín Espina, nado o 25 de marzo de 1962 en Madrid e finado na mesma cidade o 3 de decembro de 1989 aos vinte e sete anos, foi un xogador profesional de baloncesto internacional español, formado na canteira do Club Baloncesto Estudiantes, aínda que pasando a meirande parte no Real Madrid. Cunha estatura de 2,06 metros xogaba na posición de pivote.
Fernando Martín foi o primeiro xogador español en xogar na NBA, debutando nese campionato o 1 de novembro de 1986 cos Portland Trail Blazers. Xogou sempre coa camiseta número 10, sendo retirado ese dorsal polo Real Madrid para que ningún outro xogador o poida levar. Membro dende o 1 de marzo de 2007 do Salón da Fama FIBA. O seu irmán Antonio Martín foi tamén xogador profesional de baloncesto.
Carreira
Comezos
Fernando Martín iniciouse no baloncesto cando xa tiña 15 anos. Antes practicara outros deportes. Destacou especialmente no balonmán así como tenis de mesa e a natación, disciplina na que se proclamou mesmo campión de Castela. Esa formación multidisciplinar conferiulle un físico moi forte e atlético. Introduciuse no baloncesto xogando nas categorías inferiores do Estudiantes de Madrid, onde enseguida destacou. Proclamouse campión de España escolar e xuvenil, categoría na que coa selección española conseguiu a medalla de prata no Eurobasket de 1979.
En 1980, e aínda en idade júnior, xa foi incluído no primeiro equipo de Estudiantes. En 1981, con só 19 anos de idade, xa formou parte do cinco inicial do equipo estudantil que conseguiu o subcampionato de Liga, xunto a Vicente Gil, Alfonso del Corral, Juan Carlos López Rodríguez e o estadounidense Slab Jones. Foi a gran revelación da liga na tempada 1980-81, e chegáronlle varias ofertas. Chegou a asinar un pre-contrato co Club Joventut de Badalona pero, tras intensas negociacións, acabou fichando polo Real Madrid, que tamén contratou ao seu irmán máis novo Antonio Martín.
Real Madrid
Incorporouse ao Real Madrid no verán de 1981. Neste club, e no seguintes cinco anos, viviu os mellores anos da súa carreira deportiva, e chegou a consagrarse como o mellor pivote de España e un dos mellores de Europa. Co equipo branco conquistou catro títulos da Liga ACB (1982, 1984, 1985 e 1986), tres da Copa do Rei (1985,1986 e 1989), unha Recopa (1989) e un Mundial de Clubs (1982). En 1985 foi subcampión da Copa de Europa.
A súa figura chegou a seducir aos observadores da NBA. En 1985 foi o primeiro xogador español en ser incluído no draft. Elixírono os New Jersey Nets. Viaxou a Estados Unidos para disputar o campus de verán deste equipo e, á súa finalización, propúxoselle asinar un contrato non garantido. Martín rexeitouno, e preferiu seguir un ano máis en España. Iso permitiríalle participar no Mundobasket que se disputaría en España en 1986, e no que a selección española albergaba grandes esperanzas. Cabe mencionar que, naquela época, os xogadores da NBA non podían participar nas competicións organizadas pola FIBA.
A selección española
Entre 1981 e 1986, e en paralelo aos seus éxitos no Real Madrid, tamén colaborou activamente nos da selección de baloncesto de España. Foi convocado por primeira vez por Antonio Díaz-Miguel en 1981. Entre ese ano e 1986, cando se foi á NBA, disputou un total de 72 partidos coa selección, da que sempre foi un dos alicerces.
Foi titular do equipo que gañou a medalla de prata no Eurobasket de Nantes?83, e do que conquistou a histórica medalla de prata nos Xogos Olímpicos de 1984, xunto a xogadores como Juan Antonio Corbalán, Juan Antonio San Epifanio, Ignacio Solozábal ou Fernando Romay.
Etapa na NBA
No verán de 1986 deu o gran paso e fichou polos Portland Trail Blazers da NBA, converténdose no primeiro español e segundo europeo en entrar na competición estadounidense. A súa estancia nos Trail Blazers, con todo, non foi todo o afortunada que esperaba. Sufriu varias lesións que lle tiveron, en total, preto de dous meses apartado das canchas, e que lle impediron contar coa continuidade de xogo necesaria. Unha fractura de nariz e unha artroscopia no xeonllo foron os seus peores adversarios. A pesar de todo, o madrileño deu por boa a experiencia americana. Sempre dixo que había ir á NBA a aprender. Cos Trail Blazers só xogou unha tempada (1986-87), na que disputou 24 partidos para un total de 146 minutos, 22 puntos e 28 rebotes.
Regreso ao Madrid
En 1987 regresou ao Real Madrid. E entre outras cousas fíxoo porque o conxunto branco ofreceulle un contrato que, naquel entón, representaba unha auténtica marca: 100 millóns de pesetas anuais. A súa segunda etapa foi menos frutífera. No baloncesto español destacaba o FC Barcelona dos Epi, Solozabal e Audie Norris, o estadounidense co que Martín mantivo uns duelos épicos. A Martín só lle deu tempo de engadir ao seu palmarés unha Recopa de Europa (1989) cun Real Madrid entón liderado polo iugoslavo Dražen Petrović. Poucos meses despois (tal e como lle ocorrería tres anos e medio máis tarde ao propio Petrović), un tráxico accidente acabou coa súa vida prematuramente.
Falecemento
Fernando Martín faleceu en Madrid o 3 de decembro de 1989 por mor dun accidente de circulación. Acudía a un partido que non ía disputar por dores nas costas, as cales non lle impedirían estar no banco para apoiar os seus compañeiros. Nos devanditos momentos ía recoller a Quique Villalobos para iren xuntos ao estadio. O accidente produciuse ao perder o control do seu automóbil, un Lancia Thema 8.32, mentres se incorporaba á vía de circunvalación M-30. Tras saltar a mediana, invadiu o carril de sentido contrario e impactou contra outro vehículo, conducido por Ricardo Delgado Cascales, quen sobreviviu ao accidente con graves feridas.
O seu falecemento provocou unha auténtica conmoción no baloncesto español. Ao seu enterro acudiron representantes de todos os clubs e institucións, incluídos varios xogadores, como Epi e Audie Norris, o seu eterno rival no FC Barcelona. O 14 de febreiro de 2009, foi homenaxeado ante millóns de telespectadores de todo o mundo, cando Rudy Fernández, xogador dos Portland Trail Blazers realizou un dos mates do concurso do All-Star 2009 da NBA cunha réplica da camiseta que luciu na súa tempada no equipo de Portland, co seu nome no dorsal e o número 10. Dende o seu falecemento, ningún outro xogador volveu a lucir o número 10 na camiseta do Real Madrid.
Referencias na cultura popular
Véxase tamén
Ligazóns externas