No ano 1191, Afonso VIII casou en Guimarães coa filla do rei de Portugal, a súa curmá Teresa. Deste casamento naceron tres fillos: Sancha, Fernando e Aldonza.
Este matrimonio supuña unha alianza galego-portuguesa indesexada polo Reino de Castela, reino co que desde o comezo do seu reinado, Afonso VIII mantivo tensas relacións[3] De feito, no momento da súa subida ao trono, Castela apoiou a pretensión de Urraca López de Haro, viúva de Fernando II, de coroar rei o seu fillo Sancho, medio irmán de Afonso. Aproveitando a disputa sucesoria, Afonso de Castela (coñecido historiograficamente tamén como Afonso VIII[4][5]) apoderouse de valiosas vilas e castelos na fronteira leonesa[6]. O rei Afonso tivo que negociar a paz para rematar cos problemas internos do reino chegando mesmo a humillarse bicando a man do seu primo Afonso de Castela[7].
Atendendo os intereses casteláns[8], e coa excusa da consanguinidade do casal, o papa Celestino III anulou o casamento de Afonso e Teresa[9]. O papa pronunciou senteza de excomuñón contra Afonso VIII e Sancho I de Portugal mentres durase o matrimonio e promulgou un interdito nos dous reinos[10]. O rei galego tivo que aceptar a separación, non sen antes conseguir que a Igrexa recoñecese a lexitimidade dos tres fillos nacidos do matrimonio[11].
No ano 1195, Teresa e a súa filla Aldonza, abandonaron o reino con dirección á corte portuguesa, Sancha permaneceu xunto ao seu pai e aínda que a documentación histórica non indica o destino de Fernando Afonso, o máis probábel é que fose tamén criado en Portugal na corte do seu avó Sancho[12].
Afonso VIII e Berenguela de Castela
Mentres tanto, levantouse contra o rei de Santiago o rei de Castela e obrigouno a abandonar a súa muller, filla do rei de Portugal, e entregoulle a súa propia filla como esposa co permiso do pontífice Celestino III, polo ben que resultaba da paz
A presión conxunta do Papado e o Reino de Castela quebrantou a alianza con Portugal e obrigou a Afonso VIII a tomar por esposa a Berenguela, filla do rei de Castela, no ano 1197. As fortalezas usurpadas na fronteira de León foron postas como dote de voda e mantivéronse baixo control castelán[13].
Deste novo matrimonio naceu outro Fernando, futuro rei Fernando III, que pasou a ser considerado neste período o lexítimo herdeiro do reino.
...de tal xeito tes envolto ao mesmo rei (Afonso VIII) [...] que non pode, aínda que o queira, separarse da túa filla; xa que tes recibido ao seu nome as máis e mellores fortalezas do reino leonés, e falas gardar polos teus homes e serán dela mesmo se o rei a deixa.
—Carta de Inocencio III a Afonso, rei de Castela - 5 de xuño de 1203[14]
A chegada ao papado no ano 1198 do papa Inocencio III mudou a política de alianzas dos reinos cristiáns peninsulares. O novo papa anulou o matrimonio entre Berenguela e Afonso VIII acusando o rei castelán de aproveitarse da debilidade do reino galego para impoñer como herdeiro do trono o seu neto Fernando de Castela diante do fillo máis vello do rei, Fernando Afonso[15].
A separación marital produciuse no ano 1204. Berenguela e o seu fillo, abandonaron o reino galaico con dirección a Castela, onde en 1214 é nomeada rexente durante a minoridade do herdeiro, o infante Henrique. Falecido este en 1217, Berenguela é nomeada raíña, mais cede axiña o trono ao seu fillo Fernando. Malia os esforzos do papa Inocencio, as fortalezas usurpadas na fronteira leonesa non foron devoltas senón traspasadas nunha estrataxema legal, de Berenguela ao seu fillo[16].
Coa anulación por segunda vez do casamento de Afonso VIII, o seu primoxénito Fernando Afonso pasou a ser considerado novamente o herdeiro da coroa. A corte Castelá reaccionou propondo o seu casamento con outra das fillas do rei, a infanta Mafalda[17].
Morte do Rei Sancho de Portugal
No ano 1211 finou o rei portugues Sancho I, avó de Fernando Afonso. O seu sucesor, Afonso II tentou incrementar o patrimonio da coroa impedindo que o clero adquirise imóbeis e asumindo o control das terras das súas irmás, Mafalda, Sancha e Teresa, incrumprindo o testamento do seu pai. Teresa, os seus fillos, e a nobreza descontenta, abandonaron Portugal e reclamaron o apoio de Afonso VIII. Este, desprazou o seu exército á fronteira do Douro, cos nobres portugueses colocados nominalmente baixo o mando do seu fillo Fernando[18], e invadiu Portugal en marzo de 1212. A incursión militar chegou até Coímbra e rematou coa derrota do exército de Afonso II na batalla de Portela de Valdévez[19], despois da cal o papa Inocencio III ordenou aos arcebispos de Compostela e Toledo que intervisen para restablecer a paz[20]
Desde a morte de Sancho I e o regreso á corte do seu pai de Fernando Afonso, a súa aparición na documentación rexia é constante e concedendolle sempre a máxima relevancia, evidenciando a súa posición como herdeiro do trono. Así, no mes de abril de 1211, pai e fillo consagran xuntos a Catedral de Santiago[21], no ano 1213 Fernando é denominado en varios diplomas "primogenito", e chega a asinar documentos diante do nome do rei e mesmo a facelo en solitario[22].
Morte e sepultura
En agosto de 1214, sen que as fontes históricas aclaren como, falece o infante Fernando á temperá idade de 22 anos. A súa morte deixou o seu medio irmán, Fernando de Castela, como primeiro varón na liña sucesoria. Un suceso sospeitosamente afortunado para el, similar ao que o levou a alcanzar o trono castelán en 1217, cando o seu tío Henrique I de Castela morre ao caerlle unha tella na cabeza[23] mentres xogaba no pazo dun bispo afín a Berenguela[24].
Fernando Afonso foi enterrado na Catedral de Santiago de Compostela entre grandes funerais[25], o seu pai Afonso VIII encargou unha sepultura que foi incluída no Panteón Real da basílica[26]. A perda da memoria histórica do reino, e o abandono do espazo funerario fixo que o sepulcro fose tradicionalmente atribuído ao seu tataravó o conde de Galiza Raimundo de Borgoña. No ano 1990 o investigador Serafín Moralejo sacou a luz a verdadeira atribución da tumba con argumentos aínda non rebatidos[27].
↑Nogueira Román, Camilo (2001). A memoria da nación. O reino de Gallaecia. Xerais. p. 233. ISBN84-8302-656-2. [Afonso de Castela] Como primeiro rei exclusivo de Castela, debería ser titulado Afonso I, do mesmo xeito que o é Afonso Henriques en Portugal.
↑López Carreira, Anselmo (2008). O Reino Medieval de Galicia. A Nosa Terra. p. 128. ISBN978-84-8341-293-0. Afonso VIII [...] foi impunemente convertido en 'noveno' para podelo incluir nunha inventada nómina de reis de España xunto con outro Afonso, de Castela (a quen se lle outorga o ordinal 'oitavo') [...] creandose así unha secuencia ficticia.