Os dicionarios definen o termo explicar como declarar ou expor calquera materia, doutrina ou texto difícil, con palabras moi claras para facelos perceptibles.
Características
O primeiro comentario que suxire dita definición refírese á aparición da palabra ‘expor’. De feito, explicar e expor son dous verbos que expresan conceptos relacionados estreitamente; ata o punto de que a miúdo se empregou explicación e exposición para facer referencia a unha mesma clase de secuencias. Pero non son o mesmo. Expoñer equivale a informar, é dicir, transmitir datos cun alto grao de organización e xerarquización; mentres que explicar é unha actividade que, partindo dunha base expositiva ou informativa necesariamente existente, se realiza con necesidade demostrativa.
A finalidade ou a intención da explicación é outra cuestión a tratar. Da definición previa de ‘explicar’ (expor... con palabras moi claras...) dedúcese que a finalidade da explicación é facilitar a comprensión ou o coñecemento do texto ou materia. Está claro, logo, que as secuencias explicativas non se limitan a informar ou expor, senón que queren facer comprender, pois a explicación é o texto didáctico por excelencia.
Tamén convén sinalar que a explicación non pretende transmitir conviccións nin condutas. A diferenza da argumentación, que emprega estratexias retóricas adecuadas para convencer a alguén da bondade dunha tese, a explicación é neutra e obxectiva e nela non hai vontade de persuadir, senón de facilitar os elementos necesarios para a doada comprensión.
Algúns estudosos defenden a existencia da explicación como prototipo de secuencia textual, do mesmo xeito que a argumentación, exposición, narración e descrición, mais existe unha dificultade: a chamada heteroxeneidade conceptual, é dicir. A presenza de diferentes tipos de secuencias nun mesmo texto, pois a explicación aparece a miúdo compartindo espazo textual coa narración, descrición e argumentación. Nestes casos, a finalidade con que se escribiu o texto diranos se a secuencia dominante é explicativa ou se serve de apoio a outra secuencia dominante.
Véxase tamén
Outros artigos