A expedición de Lewis e Clark, foi a primeira expedición americana que cruzou o que hoxe é a porción oeste dos Estados Unidos, saíndo en maio de 1804, preto de St. Louis, e continuando o seu camiño cara ó oeste até a costa do Pacífico.
A expedición foi encargada polo Presidente Thomas Jefferson pouco despois da Compra de Luisiana en 1803, e estaba composta por un grupo escollido de voluntarios do exército baixo o mando do comandante Meriwether Lewis e o seu amigo o Tenente William Clark. A súa expedición durou dende maio de 1804 até setembro de 1806. O principal obxectivo era explorar e mapear o novo territorio conquistado, atopar unha ruta práctica a través da metade oeste do continente e estabelecer a presenza americana no territorio antes de que os británicos ou outras potencias europeas puideran reclamala.
Os obxectivos secundarios da campaña foron científicos e económicos: estudar as plantas da área, a vida salvaxe e a xeoloxía, e estabelecer relacións comerciais coas tribos nativas. Con mapas, bosquexos e diarios, a expedición retornou até St. Louis para informar dos seus descubrimentos a Jefferson.[1][2]
Exploración previa da costa do Pacífico por europeos
A expedición de Lewis e Clark fora precedida máis dunha década antes por unha expedición británica (canadense), dirixida polo explorador sirAlexander MacKenzie en xullo de 1793, que foi a primeira que completou, por persoas non indíxenas, o primeiro cruzamento do subcontinente norteamericano máis ao norte de México.