A expresión estado falido[1] cualifica un estado débil, onde o goberno central ten pouco control práctico sobre o seu territorio.
Definición
O termo é moi ambiguo e impreciso: tomando de forma literal a definición, un estado infrutuoso sería aquel onde non existe un goberno efectivo, ao contrario dun goberno ditatorial que posúe todo o poder.
Con isto quérese dicir que un país "ten éxito" se mantén un monopolio no uso lexítimo da forza física dentro das súas fronteiras. Cando este está crebado (exemplo, pola presenza dominante de señores da guerra, de milicias, ou do terrorismo), a mesma existencia do estado chega a ser dubidosa, e o estado convértese nun estado que non chegou a ser ou Estado infrutuoso. A dificultade de determinar se un goberno mantén "un monopolio no uso lexítimo dos medios da forza" (que inclúe os problemas da definición de "lexítimo") leva a que non sexa claro cando un estado se pode determinar infrutuoso.
A controversia deriva das implicacións políticas e militares de etiquetar un país como "falido". As decisións e as leis do seu goberno poden non tomarse en conta, e nalgúns casos a acción violenta pódena emprender dentro das fronteiras do "estado falido" axentes doutros países; tal acción ten naturalmente unha legalidade altamente dubidosa.
En anos recentes varios analistas políticos cualificaron moitos países como estados infrutuosos, incluíndo Afganistán, Haití, Somalia, Iemen, Timor Leste ou as Illas Salomón.
O termo tamén se utiliza no senso dun estado que se fixo ineficaz (é dicir, ten control nominal militar e policial sobre o territorio, pero só no que respecta a que non existen grupos armados desafiando directamente a autoridade do estado; en resumo: a visión: "que non haxa noticias, é unha boa noticia"); porén non pode facer cumprir as leis uniformemente debido ás altas taxas de criminalidade, corrupción extrema, extenso mercado informal, burocracia impenetrable, ineficacia xudicial, interferencia militar na política... Tamén estarían neste grupo as situacións culturais onde os líderes tradicionais gastan máis enerxía có estado sobre certas áreas de goberno aínda que non compitan co estado. Camerún, Liberia, Nixeria e Papúa Nova Guinea menciónanse a miúdo nesta categoría.
Centro de Investigación das Crises dos Estados
O Centro de Investigación das Crises dos Estados, (Crisis States Research Centre) define un estado infrutuoso como unha condición de estado colapsado, isto ém un estado que non pode manter a súa seguridade básica nin as súas funcións de desenvolvemento, e que non ten un control efectivo sobre o seu territorio e as súas fronteiras. Un estado infrutuoso é aquel que non pode reproducir xa as condicións da súa propia existencia. O termo oposto a estado infrutuoso sería estado perdurábel, se ben resultaría complexo indicar por onde pasa a liña que divide estas súas definicións, posto que mesmo nun estado infrutuoso hai algunhas institucións características dos estados que aínda existen ou funcionan, como algunhas divisións territoriais.
A listaxe de Foreign Policy
A revista estadounidense Foreign Policy publica todos os anos unha listaxe de estados infrutuosos onde se ordenan aqueles estados máis falidos conforme unha ducia de factores. Estes son: as presións demográficas, os movementos masivos de refuxiados e a cantidade de desprazados internos, as reivindicacións de grupos vingativos, as bandas crónicas e organizadas, desiguais niveis de desenvolvemento entre grupos, crises económicas fondas e/ou agudas, criminalización e deslexitimación do estado, deterioración progresiva dos servizos públicos, violación xeneralizada dos dereitos humanos, o funcionamento do aparato de seguridade como un estado dentro do estado, o crecemento de elites de tipo facción, e a intervención doutros estados ou doutros axentes externos.
Estes son os dez primeiros estados da lista de 2006 de Foreign Policy:
- Sudán
- Congo
- Costa do Marfil
- Iraq
- Cimbabue
- Chad
- Somalia
- Haití
- Paquistán
- Afganistán
Controversia
A prol do termo
A Cruz Vermella utilizou o vocábulo en termos neutrais nunha análise sobre Lei Internacional en decembro de 1999.[2]
O secretario xeral das Nacións Unidas, Kofi Annan tamén empregou o termo nunha conversa con Hu Jintao na China: We can't afford another failed State like Afghanistan, dixo, en referencia ao período durante o que a comunidade internacional ignorou que o país se convertera nun bastión do terror organizado — outubro de 2002.[3]
Contra o termo
Moitos[quen?] dos críticos desta definición alegan que é unha manobra imperialista dos Estados Unidos, un xeito máis de erixirse como policía do mundo, unha violación da soberanía dos países e unha legalización de posibles invasións e ocupacións estadounidenses en países pequenos e débiles, que poidan estar en contra dos seus intereses.[Cómpre referencia]
Notas