O seu primeiro poemario en galego é Mecánica Zeleste (1999).[1] onde xa apunta temas como a astronomía e a rebeldía poética. Publicou Pan (libro de ler e desler) (2000), –orama (2002) e Número e (2004), un ciclo con textos que aluden á ciencia, ao íntimo, á procura da identidade e a unha relación poética coa matemática. Neste conxunto hai referencias á ollada, á hibridación con outras ciencias e artes, e toca aspectos como a perspectiva de xénero, os contos de fadas ou a astronomía dende un sentido profundamente filosófico.
Zoommm.Textos biónicos (2007/2009) e Papel a punto de (2011) son obras poéticas experimentais sobre a bioloxía, a ciencia, a lingua e o sistema literario.[2][3]
No poemario Curiosidade (2017), ilustrado por Celsius Pictor [4] , consolida esta reflexión, ás veces con ironía, arredor da ciencia, a lingua, o xénero e a maternidade.[5]
No poemario ...as neuronas irmás... (2018) tratou temas como a a conciliación do ser humano no cosmos, a bioloxía e a intelixencia artificial, e a sociopolítica familiar en torno ao dó pola morte dun ser querido.[6]
Participa en revistas de ámbito nacional e internacional, como Dorna, Grial ou Strange Horizons.[7][8]
Poesía, ciencia, música
Na rede foi escritora de varios blogs...mmmm...[9][...], abra la cápsula, por favor.[10] e sagasomos [11]
Gravou audiopoemas (Instituto Cervantes de Nova York, El Gaviero, 2005), audiolibros propios e podcasts.
Pioneira na dirección de iniciativas de poesía, ciencia e música en galego como O entrelazamento, A ciencia do poema, As curiosas: son de letras+ciencias, Curiosas na Lúa (Deputación da Coruña, 2019), Escrita no ceo (Planetario de A Coruña, 2014), Porto ciencia/Porto poema (2023) ou Novembro Estelar (2021, 2022).[12]
É unha voz convidada a numerosos festivais literarios nacionais e internacionais (Cosmopoética, Gales, La Mediterrània) e científicos (Naukas Coruña, A fotografía 51).
Codirixiu e presentou Ulalume, un programa literario na radio independente Cuac FM (1996-2001).
Traballou como actriz en varias obras de teatro e ópera (Peter Pan, O club da calceta, Don Giovanni, Evgeni Onegin, Turandot).
É cantante profesional, tesitura de mezzosoprano. Cantou no coro da Orquestra Sinfónica de Galicia e Aisis e desenvolve traballo profesional como solista de jazz, música galega e canto lírico [13]
Traballou no proxecto de poesía en planetarios Urban Travel Machines, coordinado por Philip Meersman, en Anveres, Bruxelas e A Coruña.[14]
Estilo
Na súa poética hibrida ciencia, filosofía e música, cun estilo literario perspicaz e moi recoñecible que combina a reflexión anovadora, o pensamento crítico e unha retranca ou ironía características da tradición literaria galega.
Está recoñecida como unha das voces máis potentes e singulares da literatura galega actual por críticos e xornalistas literarios como Mario Regueira, Montse Dopico, César Lorenzo ou Ramón Nicolás.[15]