Erling Braut Haaland, tamén escrito Håland, nado en Leeds o 21 de xullo de 2000, é un futbolista noruegués. Xoga como dianteiro no Manchester City da Premier League e na selección de Noruega. Está considerado un dos mellores xogadores do mundo e ostenta o récord de maior número de goles anotados nunha mesma tempada da Premier League, con 36.
Fillo do internacional noruegués Alf-Inge Håland, formouse na canteira do Bryne, debutando co primeiro equipo en 2016, con só 15 anos. En 2017 fichou polo Molde onde pasou dous anos, ata que en xaneiro de 2019 asinou co Red Bull Salzburg, gañando dous títulos da Bundesliga austríaca e unha Copa de Austria. En decembro de 2019 foi traspasado ao Borussia Dortmund, no que militou dúas campañas e media, gañando a Copa de Alemaña na tempada 2020/21.[1] No verán de 2022 fichouno o Manchester City de Pep Guardiola e conquistou a Premier League na súa primeira campaña, sendo elixido mellor xogador do campionato.
Ao longo da súa carreira gañou numerosos premios individuais e rompeu varios récords. Na Liga de Campións da UEFA 2019/20, converteuse no primeiro futbolista de menos de 20 anos en marcar en cinco partidos consecutivos da Liga de Campións e no segundo en marcar 10 goles na competición. En 2020 recibiu o premio Golden Boy, mentres que en 2021 foi elixido mellor xogador da Bundesliga Co Manchester City superou varios récords da Premier League, entre eles o de xogador con maior número de goles nunha tempada, xogador que menos tempo precisou para marcar dous, tres e catro tripletes, e converteuse no único futbolista da historia da liga en marcar tres tripletes en tres partidos consecutivos na casa.
Foi internacional con Noruega en varias categorías inferiores e na Copa do Mundo sub-20 de 2019 gañou a Bota de Ouro despois de marcar a cifra récord de nove goles nun mesmo partido. En setembro de 2019 debutou coa selección de Noruega absoluta.
Palmarés
- Red Bull Salzburgo
- Borussia Dortmund
- Manchester City
- Individual
Notas
Véxase tamén