Enrique Angelelli, nado en Córdoba o 18 de xullo de 1923 e finado en A Rioxa o 4 de agosto de 1976, foi un bispo católico arxentino.
Traxectoria
Asesor da Juventud Obrera Católica, activo nas vilas miseria de Córdoba, foi profesor de doutrina social da Igrexa. Nomeado por Xoán XXIII bispo auxiliar de Córdoba, foi reitor do Seminario Maior e participou no Concilio Vaticano II. Involucrouse en conflitos laborais a prol dos desfavorecidos. Convocou campañas contra a fame.
Paulo VI nomeouno bispo da Rioxa. Alí promoveu a formación de cooperativas de labregos e deu azos á organización sindical de mineiros, peóns rurais e empregadas domésticas. Recibiu ataques de latifundistas.
Tras o golpe militar, manifestou a súa oposición á ditadura. Pereceu ao pouco tempo en circunstancias pouco claras, tras oficiar unha misa por dous sacerdotes asasinados. Oficialmente afirmouse que fóra vítima dun accidente de automóbil. Os bispos Jaime de Navares, Jorge de Novak e Miguel Hasayne, por exemplo, apoiaron a hipótese dun asasinato, que foi investigada de forma inconclusa pola Igrexa Católica arxentina. Quen logo sería papa Francisco, o cardeal Bergoglio, deu unha misa na súa honra.