Enma Rosa González Bermello, nada en Ourense o 21 de setembro de 1931 e finada en Vigo o 14 de xaneiro de 2014,[1] foi unha política galega.
Traxectoria
Pertencente a unha familia de pequenos empresarios e comerciantes do sector dos electrodomésticos, Enma González Bermello trasladouse a vivir a Vigo aos 3 anos. Nos últimos anos do franquismo escollérona concelleira nesa cidade polo terzo familiar, onde se ocupou de parques e xardíns. En xaneiro de 1976, e como consecuencia do cambio de réxime, prodúcese unha renovación das alcaldías: os alcaldes designados polo gobernador civil dimitían e uns días despois volvían ser elixidos polo conxunto da corporación. Nesa situación, Enma González Bermello foi a primeira alcaldesa dunha cidade de Galicia, en substitución de Joaquín García Picher, aínda que fose unicamente durante dúas semanas, do 15 ao 25 de xaneiro de 1976[2].
En 1978, trala dimisión de Joaquín García Picher, e antes das primeiras eleccións municipais democráticas, foi elixida alcaldesa entre os demais concelleiros. Volveu de novo a ocupar o asento de alcaldesa, poucos meses antes do que o fixese Berta Tapia na Coruña. Durante ese tempo a crispación política no concello de Vigo fora moi importante: sete concelleiros (un terzo da corporación), e viviuse unha folga de funcionarios municipais[2]. González Bermello mantívose no cargo até as eleccións de 1979.
Nas primeiras eleccións galegas, Enma González concorreu na lista da UCD pola provincia de Pontevedra, e saíu elixida deputada. Foi unha das tres primeiras parlamentarias galegas canda Carmen Lovelle e Flora Veiga, e xurou o seu cargo vestida de traxe tradicional[3]. Na segunda lexislatura foi reelixida, neste caso nas listas de Alianza Popular, mais en 1987 múdase a Coalición Galega. En 1989 abandonaría a vida política.
Vida persoal
Apartada da vida política, padeceu de alzheimer, morreu en 2014 aos 82 anos.[3]
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigos