Eliseo Sández Figueira, nado en Carnota o 7 de maio de 1920, e finado na Coruña o 1 de decembro de 2008, foi un cirurxián galego cunha intensa e longa vida profesional na contorna da vila coruñesa.
Traxectoria
Naceu o 7 de maio de 1920 na localidade coruñesa de Carnota, onde o seu pai, Eliseo Sández Otero, exercía como médico. Pouco tempo despois, trasladouse con toda a súa familia á Coruña, onde realizou todos os seus estudos da infancia e mocidade.
Cando ía comezar a súa carreira universitaria, estala a guerra civil e as Universidades permancen pechadas, polo que tivo que agardar ó remate da guerra para comezar os seus estudos de Medicina e Cirurxía na Universidade de Santiago.
Con posterioridade foise a Madrid, a continuar os seus estudos na Universidade Complutense. Alí estudou e traballou varios anos. A súa formación como médico estivo sempre moi marcada pola oportunidade que tivo de estudar e traballar nos servizos médicos de Carlos Jiménez Díaz ou Gregorio Marañón. En Madrid especializouse primeiro en neurocirurxía, mais despois decidiu formarse como cirurxián xeral e dixestivo, tanto no entón Hospital Provincial de Madrid (hoxe, Hospital Xeral Universitario Gregorio Marañón), como no Hospital de San Pablo, de Barcelona.
Posteriormente regresou á Coruña, onde exerceu medicina e cirurxía xunto ó seu pai, no Sanatorio San Nicolás, que este fundara.
O Foucellas
No ano 1943, o famoso guerrilleiro maquis Benigno Andrade, alias Foucellas, buscado polos axentes da Garda Civil, resultou ferido fortuitamente pola súa propia arma preto de Ordes.[1] O guerrilleiro foi ingresado baixo o nome falso de Juan Fernández, e operado con éxito no Sanatorio San Nicolás dos Doutores Sández,[2] que curiosamente lindaba parede con parede coa Comisaría Xeral de Policía, na céntrica Praza de Vigo da Coruña.
Notas