Efigenio Ameijeiras Delgado, nado en Pueblo Viejo (Jesús Menéndez, Las Tunas, Cuba) o 21 de setembro de 1931 e finado na Habana o 10 de febreiro de 2020, foi un militar e escritor cubano de orixe galega.
Era un dos irmáns Ameijeiras e foi comandante guerrilleiro durante a guerra revolucionaria contra a ditadura de Fulgencio Batista.
Traxectoria
Fillo do galego Manuel Ameijeiras Fontelo, natural de Campo Lameiro[1], e a cubana María das Angustias Delgado Romo, de Corral Falso en Matanzas. Aos catro anos quedou orfo ao desaparecer seu pai polo que súa nai tivo que asumir soa a manutención dos seus fillos.
Un dos seus irmáns, Juan Manuel Ameijeiras, foi un dos asaltantes ao Cuartel Moncada e morreu asasinado pouco despois. Efigenio foi fundador da primeira célula clandestina do Movemento do 26 de xullo. Expedicionario do Granma, segundo xefe da Fronte Frank País e Comandante da Revolución. Ademais de Juan Manuel (asasinado en 1953), os seus irmáns Gustavo e Ángel Ameijeiras tamén foron asasinados durante a ditadura de Fulgencio Batista, ambos en 1958.
Despois do triunfo revolucionario o 3 de xaneiro de 1959, o presidente provisional Manuel Urrutia nomeouno Xefe da Policía Nacional Revolucionaria. Ameijeiras tivo unha destacada actuación durante a invasión de Baía de Cochinos, en abril de 1961, e con posterioridade foi ascendido a Xeneral de División das FAR, recibindo o título honorífico de Heroe da República de Cuba.
Licenciado en Historia na Universidade da Habana, foi autor da triloxía Más allá de nosotros (xunto aos volumes La clandestinidad e La Sierra Maestra).
Púxoselle o seu apelido e o dos seus irmáns ao principal hospital de Cuba, o Hospital Hermanos Ameijeiras. Faleceu na Habana o 10 de febreiro de 2020 aos 88 anos de idade.[2]
Notas