Xunto coa moeda dun dólar de prata, as moedas que completan a serie conmemorativa ao abeiro da mesma lei son a de cinco dólares de ouro e a de medio dólar, de cobre revestido con níquel.[1][3]
Deseño
No anverso da moeda, deseñado e gravado por William Woodword, represéntase unha vista completa da Estatua da Liberdade de bronce de Thomas Crawford que se colocou no cumio da cúpula do Capitolio en 1863, cunhas nubes e uns raios de sol ao fondo. Este motivo aparece acompañado polos lemasIN GOD WE TRUST ("En Deus confiamos") e LIBERTY ("Liberdade"), tradicionais das moedas estadounidenses, e a dobre data alude ao mesmo tempo ao bicentenario conmemorado e ao ano de emisión da moeda.[2][4]
Pola súa banda, o reverso, obra do mesmo deseñador e de Chester Y. Martin, reproduce a maza da Cámara de Representantes dos Estados Unidos, que se atopa na cámara cando o hemiciclo está reunido, coroada por unha aguia sobre o globo terráqueo. Este motivo do reverso está rodeado pola lenda alusiva ao feito conmemorado, BICENTENNIAL OF THE CONGRESS, así como o lema E PLURIBUS UNUM, o nome do país e o valor facial da moeda.[2][4]
Produción e comercialización
A lei que autorizou a emisión deste dólar conmemorativo prevía unha tiraxe máxina de dez millóns de exemplares.[1] A moeda produciuse na Casa da Moeda de Denver na súa versión estándar, en tanto que a Casa da Moeda de San Francisco se encargou da cuñaxe das moedas con acabamento especial (proof).[2][4] O primeiro día de produción foi o 14 de xuño de 1989.[2]
A súa produción foi de 135.203 moedas na súa condición estándar e 762.198 en versión proof, o que fai un total de 897.401 exemplares.[3][4]
A moeda comercializouse aos prezos de 26 dólares en condición estándar e 29 en versión proof.[4] Consonte a lei que autorizou esta emisión, parte dos beneficios acadados coa súa comercialización foron destinados ao Fondo de Preservación do Capitolio dos Estados Unidos, e outra parte ingresou no fondo xeral do Tesouro, co fin de reducir a débeda nacional.[2]