A dualidade onda-corpúsculo, tamén chamada dualidade onda-partícula, postula que todas as partículas presentan propiedades de onda e de partícula.[1] Máis especificamente, como partículas poden presentar interaccións moi localizadas e como ondas exhiben o fenómeno da interferencia.[2]
De acordo coa física clásica existen diferenzas entre onda e partícula. Unha partícula ocupa un lugar no espazo e ten masa mentres que unha onda esténdese no espazo caracterizándose por ter unha velocidade definida e masa nula.
Actualmente considérase que a dualidade onda-partícula, en palabras de Stephen Hawking, é un “concepto da mecánica cuántica segundo o cal non hai diferenzas fundamentais entre partículas e ondas: as partículas poden comportarse como ondas e viceversa”.[3]
Este é un feito comprobado experimentalmente en múltiples ocasións.[4] Foi introducido por Louis-Victor de Broglie, físico francés de comezos do século XX.[5] En 1924, na súa tese de doutoramento propuxo a existencia de ondas de materia, é dicir que toda materia tiña unha onda asociada a ela.[6] Esta idea revolucionaria, fundada na analoxía coa que a radiación tiña unha partícula asociada, propiedade xa demostrada entón, non espertou grande interese, malia o acertado dos seus supostos, xa que non tiña evidencias de que realmente se producise. Porén, Einstein recoñeceu a súa importancia e cinco anos despois, en 1929, De Broglie recibiu o Nobel de Física polo seu traballo.[7]
O seu traballo dicía que a lonxitude de onda da onda asociada á materia era