San Pedro de Doade é unha parroquia que se localiza no concello de Lalín na comarca do Deza. Segundo o IGE en 2011 tiña 157 habitantes (82 mulleres e 75 homes), distribuídos en 10 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 172 habitantes.
Patrimonio
O castro do Penedo conta cun único recinto de tendencia circular aínda que lixeiramente máis extenso no seu eixo leste-oeste, onde mide 100 m ao interior, e cerca de 120 m ao exterior. No seu eixo norte-sur mide 95 m ao interior e 105 ao exterior. O seu perímetro está delimitado por un terraplén que adquire maior desenvolvemento na zona leste e norte, coincidindo esta última co declive cara ao val do río. No interior do recinto hai diversos socalcos que parecen relacionados co acondicionamento do espazo para cultivos. A súa entrada aparece situada na zona occidental, aínda que a configuración orixinal é difícil de precisar porque este é o acceso habilitado para entrar nas leiras.[2]