Cimiez, preto de Niza, tamén foi unha sé episcopal arredor do 260, e que seguía a existir a mediados do século V cando tiña por bispo a San Valeriano. O papaLeón o Grande emitiu un rescripto pouco despois do 450 que uniu dita sé á nizarda, e que fou confirmado polo papa Hilario en 465. Esta nova sé quedou como sufragánea da de Embrun até a Revolución francesa.
San Anselmo, antigo monxe da abadía de Lérins, menciónase como Bispo de Niza entre os anos 1100 e 1107. Os bispos de Niza levaban tamén o título de Condes de Drap, facendo deles príncipe-bispos, dende a doazón de certas propiedades situadas en Drap no ano 1073 cedidas por Pierre, Bispo de Vaison e nativo de Niza, a Raymond I, o seu bispo, e aos seus sucesores.
Carlomagno, ao visitar a vila de Cimiez (que fora arrasada polos longobardos en 574), impulsou a San Siagrio a construír enriba das súas ruínas o mosteiro de San Poncio, a maior abadía dos Alpes da Idade Media.
A diocese foi restablecida polo concordato de 1801 como sufragánea da arquidiocese de Aix. Durante a época na que o condado de Niza foi parte dos Estados Sardos, entre 1818 e 1860, a sé pasou a ser sufragánea da de Xénova. Cando Niza foi anexionada a Francia en 1860, algúns territorios que permaneceron baixo dominio italiano foron engadidos á diocese de Vintimille. En 1862 a diocese volveu a depender de Aix.