De Havilland

de Havilland Aircraft Company Limited
Fundación1920
LocalizaciónHatfield, Hertfordshire Inglaterra
FundadorGeoffrey de Havilland
Industriaaeroespacial
Produtosavións civís e militares, motores, armas guiadas
editar datos en Wikidata ]

de Havilland Aircraft Company Limited foi un fabricante aeronáutico británico fundado a finais do ano 1920 por Geoffrey de Havilland no aeródromo Stag Lane de Edgware, ás aforas do norte de Londres. As súas operacións movéronse posteriormente a Hatfield, Hertfordshire.

Coñecido polas súas innovacións, de Havilland foi o responsable dodeseño dun importante número de aeronaves, como o biplano Moth que revolucionou a aviación nos anos 20, o avión de pasaxeiros lixeiro dos 30 Fox Moth, o avión multirrol de madeira da segunda guerra mundial Mosquito, e o pioneiro reactor de pasaxeiros Comet.[1]

A compañía de Havilland converteuse en membro do grupo Hawker Siddeley en 1960, e perdeu a súa identidade en 1963. Posteriormente, Hawker Siddeley fusionouse para formar a que no presente é a compañía BAE Systems plc. O nome de Havilland aínda vive en De Havilland Aircraft of Canada Limited, que posúe os dereitos do nome e dos avións producidos pola antiga filial canadense da empresa, como o avión rexional Dash 8, antes producido por Bombardier Aerospace.

Historia

Orixes

En xaneiro de 1920 Geoffrey de Havilland traballaba para Airco como director técnico e xefe de deseño. Birmingham Small Arms Company (BSA) mercoulle Airco a George Holt Thomas o día 20 de xaneiro de 1920 por orde dun director de BSA, Percy Martin, tras facer unha dilixencia debida pouco axeitada. Aso poucos días BSA descubriu as circunstancias reais de Airco e pechouna no mes de xullo. As perdas resultantes foron tan grandes que BSA foi incapaz de pagar dividendos durante os seguintes catro anos.[2]

Coa axuda de Thomas, de Havilland fíxose cun local modesto no próximo aeródromo de Stag Lane e formou unha compañía de responsabilidade limitada, de Havilland Aircraft Company Limited, fundada o 26 de setembro de 1920. Os directores eran de Havilland, Arthur Edwin Turner, que procedía da Oficina de Guerra, e o enxeñeiro xefe Charles Clement Walker. O capital nominal era de 50 000 libras.[3] A meirande parte do capital procedía de Geoffrey de Havilland (3 000) e George Holt Thomas (10 000), con outros socios aportando 1 000 libras máis.[4]

Cun pedido por valor dunhas 2.500 libras orixinalmente destinado a Airco,[5] de Havilland trouxo ao seu equipo máis próximo da súa antiga empresa, os amigos Charles Clement Walker (aerodinámica e estrés), Wilfred E. Nixon (secretario da compañía), Francis E. N. St. Barbe (negocios e vendas), e do departamento experimental de Airco a Frank T Hearle (xerente de traballos).[6][7] Hugh Burroughes chegou da Gloster Aircraft Company. A nova empresa tivo a sorte de que ao ano seguinte se lle achegase un home, Alan Samuel Butler, que quería que lle construísen un novo avión. Butler investiu fortemente no negocio.[4] A facturación do primeiro ano foi de 32 782 libras, e o beneficioneto de 2 387, e a principios de 1922 mercaron o aeródromo de Stag Lane por 20 000 libras.[5] A compañía sobreviviu ata 1925, cando o propio deseño de de Havilland, o Moth, que realizou o seu primeiro voo o 22 de febreiro, demostrou ser o que o mundo da aviación estaba agardando.[7] En 1928 de Havilland Aircraft Company Limited converteuse nunha empresa pública.[8]

de Havilland Hornet Moth

Inicialmente de Havilland concentrouse en biplanos dun ou dous asentos, continuando coa liña DH de avións construídos por Airco pero adaptándoos para o uso de aeroliñas. Despois a compañía introduciu unha serie de avións máis pequenos impulsados polos seus propios motores de Havilland Gipsy. Entre estes estaban o Gipsy Moth e o Tiger Moth. Eses avións estableceron moitos récords de aviación, moitos deles pilotados polo propio de Havilland. Amy Johnson voou en solitario dende Inglaterra ata Australia nun Gipsy Moth en 1930.

A serie Moth de avións continuou co máis refinado Hornet Moth, coa cabina pechada, e co Moth Minor, un monoplano de á baixa feito de madeira. Unha da características de de Havilland era que o nome do tipo de avión pintábase usando unha letra romana particulamente elegante, todo en maiúsculas.

O DH 84 Dragon foi o primeiro avión menrcado pola aeroliña irlandesa Aer Lingus en 1936; posteriormente operou tamén o DH 86B Dragon Express e o DH 89 Dragon Rapide. De Havilland continuou producindo avións de altas prestacións como o avión de carreiras con dous motores de pistóns DH 88 Comet, un dos cales foi famoso por ser o gañador da MacRobertson Air Race dende Inglaterra a Australia en 1934.

Segunda guerra mundial

de Havilland Mosquito

Ao inicio da segunda guerra mundial a compañía estaba fabricando avións Tiger Moth, Drangon Rapide e Airspeed Oxford para a Royal Air Force. O resto de avións fabricados por de Havilland foron requisados para ser usados como transportes ou adestradores. No ano 1940 a compañía mercou Airspeed Ltd. e as súas oficinas de deseño fusionáronse.[9]

Os deseños de alto rendemento e os métodos de construción con madeira culminaron no Mosquito, fabricado principalmente de madeira, que evitaba o uso de materiais estratéxicos, como o aluminio, durante a segunda guerra mundial. de Havilland centrou os seus esforzos durante a guerra no Mosquito, desenvolvendo novas variantes.[9] A compañía deseñou posteriormente o caza Hornet, cun rendemento superior ao do Mosquito, e que foi un dos pioneiros no uso de técnicas de unión madeira con metal e de metal con metal.

En 1937 de Havilland estableceu unha fábrica no que hoxe é coñecido como De Havilland Way, en Lostock, para fabricar hélices de paso variable para a RAF. O lugar era de importancia estratéxica e converteuse nun obxectivo da Luftwaffe. O 3 de xullo de 1942 dous bombardeiros Ju 88 intentaron un bombardeo a baixa cota, usando a cadea de encoros de Rivington para navegar, pero a misión saíuse do seu curso.[10][11]

Despois da guerra

Tras a guerra de Havilland continuou elaborando avanzados deseños tanto no campo militar como no civil, pero varios desastres públicos sentenciaron á compañía como unha entidade independente. O 27 de setembro de 1946 o reactor experimental sen cola de Havilland DH 108 Swallow esnafrouse no estuario do Támesis, matando a Geoffrey de Havilland Jr., fillo do fundador da compañía.

En 1948 a compañía mercou outra gran fábrica de avións no aeroporto de Hawarden en Broughton, preto de Chester, onde se complementou a produción da factoría de Hatfield.

Primeiro de Havilland Comet

O de Havilland Comet entrou en servizo en 1952, sendo o primeiro reactor comercial do mundo e voando dúas veces máis rápido que as anteriores alternativas e converténdose nunha fonte de orgullo nacional británico.[1] Operado por British Overseas Airways Corporation, o 2 de maio de 1952 o voo rexistrado como G-ALYS inaugurou un servizo regular entre Londres e Xohanesburgo.[1] Impulsado por catro motores de Havilland Ghost, o Comet podía acadar velocidades de 800 km/h e voar a unha altitude de 40 000 pés, algo que anteriormente só estaba reservado a reactores militares. Vinte meses despois do seu lanzamento había 17 Comet en servizo. Porén, o Comet sufriu tres accidentes graves en dous anos. Dous deles foron causados por un fallo estrutural que deu como resultado que a fuselaxe sufrise de fatiga do metal, un fenómeno pouco coñecido na época; o outro foi debido a un sobreesforzo da estrutura do avión en voos en condicións meteorolóxicas adversas. Sir Arnold Hall dirixiu o equipo de investigación da RAE que realizou o descubrimento de que os remaches perforados no metal causaban grietas diminutas por fatiga. O estrés debido á presurización a grande altura debilitaría a área da fuselaxe ao redor das fiestras cadradas do Comet.[1]

Debido aos problemas estruturais do Comet, en 1954 todas as unidades retiráronse do servizo, iniciando de Havilland un grande esforzo por construír unha nova versión que sería máis grande e resistente. Como resultado, o Comet pasou por un extensivo redeseño, con fiestras ovaladas, reforzos estruturais e outros cambios.[1] Mentres tanto os seus rivais prestaron atención ás leccións aprendidas do Comet mentres desenvolvían os seus propios avións. O Comet 4 voaría en 1958, pero nese momento os Estados Unidos xa tiña os seus reactores Boeing 707 e Douglas DC-8, ámbolos dous máis rápidos e económicos de operar. Polo tanto, os pedidos do Comet disminuíron enormemente.

Hawker Siddeley mercou de Havilland en 1960 pero mantívoca como compañía separada ata 1963. Nese ano converteuse na división de Havilland Division de Hawker Siddeley Aviation,[12] e todos os modelos en fabricación ou desenvolvemento cambiaron as súas designacións de "DH" a "HS". Os últimos deseños de de Havilland convertéronse no Hawker Siddeley Trident (orixinalmente o DH.121) e no innovador Hawker Siddley HS.125 (DH.125).

O deseño DH.121 modificouse para facelo máis pequeno e axeitarse así ás necesidades dunha aeroliña, British European Airways. Outras aeroliñas atopárono pouco atractivo e fixáronse no seu rival, o Boeing 727, que era case do mesmo tamaño que o deseño DH.121 inicial. De Havilland, como Hawker Siddley, fabricou tan só 117 Tridents, mentres que Boeing chegaría a vender máis de 1 800 727.

De Havilland tamén entrou no campo dos mísiles de longo alcance, desenvolvendo o Blue Streak de combustible líquido. Este non entraría en servizo cos militares, pero converteuse na primeira etapa do foguete Europa, un vehículo de lanzamento para voos espaciais. Nas probas de voo o Blue Streak comportouse ben, pero as etapas superiores, fabricadas en Francia e Alemaña, fallaban repetidamente. En 1973 cancelouse o programa Europa, morrendo así tamén o Blue Streak. O derrradeiro deles rematou nas mans dun granxeiro que usou os seus tanques de combustible como fogar para os seus polos.[13]

Produtos

Aeronaves

Deseñadas por Geoffrey de Havilland

Deseñadas por de Havilland en Airco

de Havilland

de Havilland company

  • DH.27 Derby - bombardeiro pesado
  • DH.34 - avión de pasaxeiros
  • DH.37 - biplano privado
  • DH.42 Dormouse - caza de recoñecemento
  • DH.42A & B Dingo - variante do Dormouse
  • DH.48 Special - DH.9 remotorizado
  • DH.50 - biplano de transporte
  • DH.51 - avión turístico
  • DH.54 Highclere - avión de pasaxeiros
  • DH.56 Hyena - avión de cooperación co exército
  • DH.60 Moth, Cirrus Moth, Genet Moth, Gypsy Moth
  • DH.60G III Moth Major
  • DH.61 Giant Moth
  • DH.65 Hound
  • DH.66 Hercules
  • DH.67
  • DH.72 Canberra
  • DH.82 Tiger Moth - adestrador biplano
  • DH.83 Fox Moth
  • DH.84 Dragon
  • DH.86 Express
  • DH.87 Hornet Moth
  • DH.89 Dragon Rapide
  • DH.90 Dragonfly
  • DH.92 Dolphin

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "1952: Comet inaugurates the jet age" (en inglés). 1952-05-02. Consultado o 2022-01-31. 
  2. Davenport-Hines 2002, p. 216
  3. Flight Magazine, 7 de outubro de 1920, p. 1070
  4. 4,0 4,1 "The De Havilland Aircraft Company". Royal Air Force Museum. Consultado o 31 de xaneiro de 2022. 
  5. 5,0 5,1 Flight Magazine, 20 de setembro de 1940. p. 254
  6. Davis, Mick (2001). Airco : the Aircraft Manufacturing Company. Marlborough: Crowood. ISBN 1-86126-393-7. OCLC 45487768. 
  7. 7,0 7,1 "Obituary: Sir Geoffrey de Havilland, O.M." The Times, número 56328, sábado, 22 de maio de 1965, p. 10.
  8. Flight Magazine, 20 de setembro de 1940, p. 255
  9. 9,0 9,1 "World War II - De Havilland - The Man and the Company". RAF Museum (en inglés). Consultado o 2022-02-01. 
  10. "Rivington and Lever Park, Lancashire Folk Tales - Myths and Legends". www.angelfire.com. Consultado o 2022-02-01. 
  11. "Factory took flight to help win the war". The Bolton News (en inglés). Consultado o 2022-02-01. 
  12. "De Havilland - Post War". web.archive.org. 2007-10-07. Archived from the original on 07 de outubro de 2007. Consultado o 2022-02-01. 
  13. T. A. Heppenheimer (2002). "The Expanding World of the Shuttle". History of the Space Shuttle, Volume Two: Development of the Space Shuttle, 1972–1981. Smithsonian. p. 92. ISBN 978-1-58834-441-0. Consultado o 1 de febreiro de 2022. 

Véxase tamén

Bibliografía

  • Davenport-Hines, R. P. T. Dudley Docker: The Life and Times of a Trade Warrior. Cambridge, UK: Cambridge University Press, 2002. ISBN 0-521-89400-X.