Nado na localidade barcelonesa de Llinars del Vallès, era o cuarto de cinco irmáns.[1] Os seus pais eran Miguel Mateu Farralt e Ángela Bisa Brillas.[2] Seu pai, quen faleceu en 1877, era o dono da empresa Miguel Mateu, S. A.[2] e conseguira ter unha boa posición económica grazas ao comercio con ferro ao que se adicaba.[1]
Damián Mateu licenciouse en dereito na Universidade de Barcelona, aínda que non exerceu por mor do falecemento prematuro do seu irmán, quen ía dirixir a empresa familiar.[3][4] Baixo o mando de Damián Mateu, a súa empresa de ferros (co nome cambiado a Hijo de Miguel Mateu), chegou a ser unha importante compañía no eido nacional español.[1] En 1890, Mateu casou con Mercedes Pla y Deniel —irmá do cardeal Enrique Pla y Deniel—, con quen tivo seis fillos;[5] o menor e único varón foi Miguel Mateu Pla.
En 1900 constituíu unha empresa industrial chamada Altos Hornos y Herrerías de Nuestra Señora del Carmen S.A. en Barcelona, mais esta sociedade acabou presentando suspensión de pagamentos en xaneiro de 1904.[2] Porén, uns meses despois, o 14 de xuño dese mesmo ano fundou, con Francisco Seix e Marc Birkigt, a exitosa marca de automóbiles de luxo Hispano-Suiza; Damián Mateu foi o presidente e financeiro da empresa. Mateu, curiosamente, malia presidir durante tres decenios unha empresa automobilística, nunca quixo conducir un automóbil[6] e nunca obtivo o carné de conducir.[3]
Entre 1917 e 1923, Mateu presidiu unha compañía denominada La Hispano, Fábrica Nacional de Automóviles y Material de Guerra S.A. —situada en Guadalaxara, e cuxa creación impulsou el mesmo—, que acabou sendo absorbida nese mesmo 1923 pola empresa matriz catalá e foi convertida nunha filial.[2]
En 1931 foi editor do Diario del Mediodía. No 1935 distanciábase ideoloxicamente da Lliga Regionalista e pasou á Dreta de Catalunya. Faleceu en decembro dese mesmo ano por mor dunha enfermidade.[1] O seu fillo Miguel sucedeuno como presidente de Hispano-Suiza, quen após a guerra civil converteuse en alcalde de Barcelona.
Patrimonio
Damián Mateu chegou a adquirir as seguintes propiedades inmobiliarias: a Casa Comalat na Diagonal de Barcelona, o Mas Rossell, unha torre modernista chamada torre Mateu —tamén coñecida como La Miranda— na súa vila natal, e tamén era posuidor dunha masía no Montseny.[6]
Galardóns
En 2021, a FIVA (Federación Internacional de Vehículos Antigos) incluíu a Damián Mateu no seu Salón da Fama cos seus 14 primeiros heroes da historia do automobilismo.[8]