As células principais paratiroides (ou, simplemente, células paratiroides) son as células da glándula paratiroide encargadas de producir a parathormona (PTH). Están acompañadas na glándula polas células oxifílicas e as células acuosas da paratiroide.
Cando estas células aumentan a súa actividade produtora de PTH, a hormona fai que se incremente considerablemente a concentración de calcio no plasma sanguíneo. As células paratiroides son un dos poucos tipos de células que regulan os niveis de calcio intracelulares como consecuencia de cambios na concentración extracelular (plasmática) do calcio. Utilizan un receptor sensible ao calcio e un mecanismo regulatorio de retroalimentación negativa.
Características histolóxicas
As células principais paratiroides son poligonais, de 7 a 10 microns de diámetro con núcleo central e citoplasma claro algo acidófilo. Presentan cisternas do retículo endoplasmático rugoso dispostas paralelamente en conxuntos moi rechamantes, mitocondrias alongadas e un aparato de Golgi pequeno e xustanuclear. No citoplasma obsérvanse abundantes gránulos de glicóxeno (polisacárido de reserva) e de lipofuscina. Tamén hai gránulos arxirófilos revestidos de membrana, irregulares e densos, que se agrupan na periferia da célula. Ás veces presentan un só cilio abortivo proxectado cara ao espazo intercelular [1].
Secreción de PTH
A secreción da hormona paratiroide está controlada principalmente pola concentración de calcio ([Ca2+]) no plasma sanguíneo por medio dunha retroalimentación negativa. É dicir, se hai moito calcio extracelular a célula non segrega a hormona. As moléculas do receptor sensible ao calcio localizadas nas células principais paratiroides detectan as concentracións de Ca2+. Estes receptores están acoplados á proteína G. O calcio extracelular desencadea a cascada de activación da proteína G a través da acción da fosfolipase C. Como consecuencia orixínanse mensaxeiros intracelulares (IP3 e diacilglicerol), os cales causan unha liberación de calcio dos seus depósitos intracelulares e un fluxo de calcio extracelular no espazo citoplasmático. O efecto desta sinalización por niveis elevados de calcio extracelular orixina unha concentración de calcio intracelular, que inhibe a secreción da PTH preformada almacenada en gránulos nas células da glándula paratiroide. Por tanto, o exceso de calcio inhibe a fusión das vesículas e a liberación da PTH.[2]
Nomenclatura
O termo "célula principal" tamén se usa para referirse a células doutros tecidos con outras características. Tamén se fala de "células principais gástricas" ou "células principais" dos paraganglios e dos túbulos colectores dos riles.
Notas
↑D. W. Fawcett. Tratado de Histología. Editorial Interamericana-Mc. Graw Hill. 11ª edición. Páxinas 517-518. ISBN 84-7605-361-4
↑Randolph A. Chen and William G. Goodman. Role of the calcium-sensing receptor in parathyroid gland physiology. American Journal of Physiology. (review)
[1]Arquivado 09 de abril de 2013 en Wayback Machine.