Copa Latina
A Copa Latina foi unha competición futbolística europea que enfrontou entre 1949 e 1957 aos campións das ligas de Francia, Italia, Portugal e España. A competición tivo un gran prestixio por ser a primeira competición internacional europea que enfrontaba aos campións dos países latinos, e foi considerada a segunda competición máis importante de Europa tras a Copa Mitropa, concibida con anterioridade, e que enfrontaba a conxuntos dos países do leste de Europa. A Copa Latina disputábase cada ano nunha sede diferente nun dos catro países participantes. Un sorteo decidía os emparellamentos das dúas semifinais. Os gañadores das semifinais disputaban a final. Os perdedores disputaban o partido polo terceiro e cuarto posto. A competición deixou de disputarse en 1957, tras a consolidación da Copa de Europa, competición creada en 1955.
|