Con saias e a rachar (en inglés: Some Like It Hot) é unha comedia de 1959 de Billy Wilder protagonizada por Marilyn Monroe, Tony Curtis, Jack Lemmon, George Raft, Pat O'Brien, Joe E. Brown e Nehemiah Persoff. A película foi adaptada por Billy Wilder e I.A.L. Diamond partindo dunha historia de Robert Thoeren e Michael Logan. Logan escribira a historia (sen gánsteres) para unha película alemá, Fanfaren der Liebe (dirixida por Kurt Hoffmann en 1951), así que a película de Wilder é considerada por algúns como un remake. Foi lanzada o 29 de marzo de 1959, distribuída por United Artists (comprada en 1981 por MGM) e custou pouco máis de 2'8 millóns de dólares.
Sinopse
Dous músicos, Joe e Jerry, presencian o Masacre de San Valentín en Chicago en 1929, feito pola Mafia. Son perseguidos polos gánsteres, que queren desfacerse destas incómodas testemuñas e ao non ter diñeiro e para fuxir de Chicago, disfrázanse de mulleres e ingresan nunha banda de mozas, pasando a chamarse Josephine e Daphne. A banda diríxese a Florida. Joe e Jerry namóranse da cantante e intérprete de ukelele, Sugar, e compiten por chamar a súa atención, á vez que loitan por que non se descubra que son homes. En Florida, o millonario Osgood namórase de Daphne/Jerry, mentres Joe adopta unha dobre personalidade masculina/feminina e vístese imitando a Cary Grant, finxe ser millonario para conquistar a Sugar. A Mafia chega a Miami finalmente e descobre ás testemuñas.
Gañou un Oscar por Mellor vestiario en branco e negro (Orry-Kelly) e foi nomeada para Mellor actor (Jack Lemmon), Mellor dirección de arte-set branco e negro, Mellor fotografía en branco e negro, Mellor director e mellor guión.
A película foi aclamada mundialmente como unha das mellores comedias xamais feitas (n.º 1 na Lista das grandes comedias da American Filme Institute e 14.º na Lista das 100 mellores películas americanas). A película foi considerada de "significado cultural" pola Biblioteca do Congreso de Washington e seleccionada para a súa preservación na National Filme Registry.