O Ciudad de Vigo Básquet, coñecido na súa última tempada de existencia como KICS Ciudad de Vigo, foi un club de baloncesto profesional da cidade de Vigo (Galicia). O club foi fundado en 2006 e en 2010 desapareceu por motivos económicos.[1] Ao longo da súa curta historia chegou a competir na Liga LEB Ouro, a segunda competición en importancia do baloncesto español, na súa derradeira tempada.
Os seus xogadores vestían un uniforme que consiste nunha camiseta cor vermella cun pantalón da mesma cor. A súa pista de xogo era o Pavillón das Travesas, que conta con capacidade para 3 260 espectadores.
Historia
O Ciudad de Vigo Básquet naceu na tempada 2006-07 baixo o nome de Gestibérica, e competiu esa tempada na Liga LEB-2, contando cun amplo orzamento. Na súa primeira tempada, o equipo dirixido polo vigués Quino Salvo finalizou na 17ª posición, tan só por diante do Real Madrid "B", cun rexistro de 12 vitorias e 22 derrotas, o que condenou aos olívicos a disputar o play-off de descenso fronte ao CAI Huesca La Magia. Os vigueses comezaron perdendo os dous primeiros partidos en terras aragonesas (64-63 e 88-63) e forzaron o cuarto partido logo de impoñerse aos oscenses (76-65) no primeiro partido disputado en Vigo.[2][3][4] Finalmente, o Huesca gañou o cuarto partido da serie (56-68), conseguindo así a permanencia e mandando ao Vigo Básquet á cuarta categoría, a Liga LEB Bronce. Deste xeito o Ciudad de Vigo converteuse nun dos clubs fundadores desta nova categoría que tan só duraría dúas tempadas e na que permaneceu unha única tempada.[5][6]
Esta tempada na LEB Bronce foi unha das máis exitosas do club, que conseguiu o ascenso á terceira categoría e na que o Pavillón das Travesas esgotou as localidades en varios partidosc[5][6][7] O 16 de xullo de 2007 era presentado como novo técnico do conxunto olívico o luguésTito Díaz co obxectivo de manter ao equipo na zona alta da clasificación.[8] Esa mesma tempada, a 2007-08, a cidade de Vigo acolleu a Copa LEB Bronce, na que o daquela Gestibérica de Vigo non puido pasar das semifinais logo de perder fronte o Ciudad Torrealta de Molina de Segura (59-61).[9]
De volta na LEB Prata, o club decidiu prescindir dos servizos de Tito Díaz e ofreceulle o posto de adestrador a Miguel Ángel Ortega, principal valedor de Díaz e secretario técnico do club durante a tempada en LEB Bronce. Con todo, Ortega decidiu desvincularse por completo do club por motivos persoais, poñendo así fin a dous anos de relación co club vigués.[10] Finalmente o substituto de Díaz foi Manolo Povea.[11] Na liga o equipo conseguiu clasificarse para os play-offs de ascenso á Liga LEB Ouro, a segunda categoría por detrás da Liga ACB. Con todo, a pesar dos éxitos deportivos, o club encontrou problemas financeiros que levaron ao cadro de xogadores á folga logo de varios meses sen cobrar. Nese momento tanto os xogadores como o equipo técnico executaron o aval federativo, o que levou ao club a unha situación crítica.[6]
A pesar de todo, no verán de 2009 e logo de numerosas xestións e aprazamentos, o club conseguiu unha praza na Liga LEB Ouro grazas a un aval. A situación da tempada anterior repetiuse e os xogadores tan só cobraron a primeira mensualidade, para finalmente descender a falta de cinco xornadas para a finalización da liga regular cun rexistro de 6 vitorias e 28 derrotas, nunha tempada na que a asistencia ás Travesas foi diminuíndo. Finalmente a directiva do Ciudad de Vigo disolveu o club.[6][7]
O Pavillón atópase situado na Avda. de Castrelos, na parroquia de Freixeiro. O complexo conta con pistas cubertas e exteriores, así como un campo de herba sintética.[12]