Gran parte do concello, que ocupa unha superficie de arredor de 80.000 km² (máis de 2,6 veces a área de Galicia), é rural. A poboación da área urbana de Chongqing propio era "só" de 5 090 000 habitantes segundo datos de 2000.
Chongqing é denominado de modo simple: Yú, unha abreviación que foi aprobada polo Consello de Estado a data de 18 de abril de 1997. O nome abreviado procede dunha vella denominación de parte do río Jialing, que atravesa Chongqing e desauga no Yangtzé.
Xeografía
Chongqing está situada sobre o río Yangtzé, xusto sobre o comezo do enorme lago artificial creado pola retención de augas do Encoro das Tres Gargantas. A aglomeración está construída na confluencia do Yangtzé e do seu tributario o Jialing. O centro da cidade érguese sobre a península formada por ambos os dous cursos de auga.
A topografía da cidade é moi particular: Chongqing está composta en realidade de outeiros pendentes, o que a fai a única grande urbe chinesa sen de bicicletas, pois as ladeiras son demasiado ásperas. Igualmente é a única na que o paso dos ríos que a atravesan se fai por medio de teleféricos. Desde a apertura internacional de Chongqing, sobre todo desde 1997, foron construídas numerosas pontes.
O clima da cidade é de tipo subtropical húmido, e como no resto da Asia extremo-oriental a influencia do monzón é notábel. A media de precipitacións caídas na cidade no período 1961-90 foi de 1.101 mm, pero están concentradas nos meses que van de abril a setembro. A media anual das temperaturas é de 19 °C. As temperaturas son cálidas nos meses estivais; en xullo e agosto as medias máximas poden superar os 32 °C e as mínimas medias non baixar de 24 °C. Por contra no mes máis frío, xaneiro, as temperaturas máis altas apenas soben de 6 °C, e as mínimas de 5 °C.
Notas
↑Benigno Fernández Salgado, ed. (2004). Dicionario Galaxia de usos e dificultades da lingua galega. Editorial Galaxia. p. 1304. ISBN9788482887524.