Carniola (en eslovenoKranjska, en alemánKrain) é unha rexión histórica de Eslovenia, ao redor da súa capital, Liubliana ( esloveno Ljubljana, en alemán Laibach).
Tras a segunda guerra mundial, a parte italiana integrouse en Iugoslavia (excepto a cidade de Gorizia).
A capital de Carniola era orixinariamente Kranj; despois, e por un breve período de tempo, Kamnik e, por último, Ljubljana, capital de Eslovenia.
Desde o ano 900 até o século XX, as clases dominantes e os habitantes das zonas urbanas falaban alemán, mentres que o campesiñado falaba sobre todo esloveno.
Ao redor do 50 % da poboación actual de Eslovenia vive dentro das fronteiras do antigo Ducado de Carniola.
Xeografía
Carniola ten unha superficie de 9 838 km² e é unha rexión montañosa alpina, atravesada ao norte polo río Sava, afluente do Danubio. A súa temperatura media é de 10° C.
Historia
Antigüidade e Idade Media
Antes da chegada dos romanos, no 200 a.C., varios pobos habitaban no territorio da Carniola acutal. No norte os taurisci, pobo dos Alpes que vivían principalmente en Estiria; ao sueste, os panonios, pobos da Panonia (provincia romana situada principalmente na actual Hungría e partes de Croacia e de Serbia) e, finalmente, ao suroeste estaban os iapodes (ou iapydes) orixinarios do leste de Istria.
Durante a Roma antiga, Carniola estivo dividida entre varias provincias romanas.
Carniola cambiou a miúdo nome: antes de se invadida polos eslavos, tiña os nomes latinos de "Carnia" ou "Carniola", despois tivo os nomes eslavos de "Krajina" ou "Kranjska" e os alemáns de "Chrainmark" e ""Krain".
De novo sometida por outro pobo, turco-mongol, os ávaros, finalmente pasa a formar parte do Reino de Samo, o primeiro Estado eslavo.
Carniola estivo gobernada polos francos desde o ano 788. Cando Carlomagno creou a Marca de Friuli,[1] , engadiu Carniola a este feudo. Porén, tras a división do Friuli, unha rexión histórica italiana, Carniola foi unha Marca independente, de aí o nome de Marca de Carniola co seu propio margrave eslavo á cabeza [1] que vivía na cidade eslovena de Kranj, suxeito ao gobernador de Baviera primeiro e, despois de 976, aos duques de Carintia. En 1071, Henrique IV a encomenda ao Patriarca de Aquilea, unha cidade de nordeste de Italia.
Na Idade Media, a Igrexa ocupouse da gran pobreza presente en Carniola. Os bispos convertéronse en señoresfeudais, incluíndo a rexión eslovena e as súas cidades. Por outro lado, os duques gobernaron a provincia durante case medio século.
Finalmente, Carniola foi transferida, co acordo do patriarca, a Frederico II de Babenberg que obtivo o título de Duque en 1245, pero morreu o ano seguinte durante unha batalla e foi sucedido por Ulrich III, que casou con Agnes de Andechs, unha parente do patriarca. Ulrich pagou a construción de igrexas e mosteiros e instalou o seu goberno na cidade de Kostanjevica, Eslovenia. Por último, en 1268, legou ao rei Otakar II de Bohemia todas as súas posesións e o seu
goberno de Carintia e Carniola.
Despois duna reunión na cidade alemá de Augsburgo, Rodolfo II, á súa vez, legou a provincia aos seu fillos maiores [Alberte I e Rodolfo II, pero foi confiada a Mainardo II, duque de Gorizia-Tirol. O seu fillo, Henrique Goertz, pediu a posesión do Ducado de Carniola e foi elixido rei de Bohemia.
Cando morreu, en 1335, o seu sucesor, Xoán Io Cego, renunciou aos seus dereitos sobre Carniola, que se asignou a Alberte II ''o Sabio''. O Ducado foi proclamado por Rodolfo IV ''o Magnánimo'' en 1364, e o emperador Frederico III reuniu a Carniola Superior, a Inferior e a Central ou Interior nun sá Ducado. A unión destas diferentes partes terminou en 1607.
Período napoleónico
Despois da Revolución francesa de 1789, tropas revolucionarias (é dicir, grupos de soldados saídos da Revolución), ocuparon Carniola en 1797, e de 1805 a 1806. O 14 de outubro de 1809, asínase en Viena, no palacio de Schönbrunn, o Tratado de Schönbrunn entre Francia e Austria, que tivo que ceder este territorio a Francia despois da súa derrota na batalla de Wagram. Carniola, entón, formou parte das Provincias ilirias (que existiron de 1809 a 1814), que tiñan a Ljubljana como capital. A caída de Napoleón ocasionou a volta á dominación austríaca, baixo Franisco I de Austria con límites máis grandes pero, coa extinción do Reino de Iliria,[2] Desde 1816 até 1849, Carniola foi parte do Reino de Iliria,[2] que tiña como capital Ljubljana.
Restauración austríaca
En 1849 o Imperio Austrohúngaro reorganizou o territorio, creando o Ducado de Carniola (sinalado co número 4 no mapa adxunto). Limitaba ao norte co Ducado de Carintia, ao nordeste co Ducado de Estiria, ao sueste e ao sur, con Croacia (baixo o dominio dos Habsburgo) e ao oeste o Condado de Gorizia e Gradisca d'Isonzo, así como Istria. A súa superficie era algo maior que a actual, que é de 9 838 km², e a poboación sumaba uns 510.000 habitantes. A capital, Ljubljana, era a sede dun Príncipe-bispo e tiña unha poboación duns 40.000 habitantes.
Carniola dividiuse en Alta Carniola (en esloveno, Gorenjska), Baixa Carniola (en esloveno Dolenjska) e Carniola Interior (en esloveno, Notranjska).
Politicamente a provincia foi dividida en 11 distritos, con 359 municipios; a capital provincial era a residencia do gobernador imperial.
Os distritos foron: Kamnik, Kranj, Radovljica, o barrio de Ljubljana, Logatec, Postojna, Litija, Krsko, Novo Mesto, Crnomelj e Gotschee o Kocevje. Había 31circunscricións xudiciais.
O Ducado constituíuse por decreto de 20 de decembro de 1860 e patente imperial de 26 de febreiro de 1861, modificado pola lei de 21 de decembro de 1867, que outorgaba poderes ao Parlamento para promulgar todas as leis sobre asuntos non reservados á Dieta Imperial, na que estaba representada por once delegados, dos cales dous eran elixidos polos terratenentes, tres das cidades, pobos, comerciantes e industriais, cinco polos municipios e un por unha quinta curia, por votación secreta. Cada home debidamente rexistrado e de máis de 24 anos de idade tiña dereito a votar. A Lexislatura inicial consistiu nunha cámara única de 37 membros, entre os cales o príncipe-bispo sentaba de oficio. O emperador convocaba a Asemblea lexislativa, que era presidida polo gobernador.
En 1907, en lugar destas regras, introduciuse o sufraxio universal e igual para todos os homes. Os asuntos que podía tratar esta cámara estaban restrinxidos a lexislar sobre agricultura, institucións públicas e caritativas, administración de comunas, igrexa e asuntos escolares, transporte e aloxamento de soldados na guerra e durante manobras e outras cuestións locais. O orzamento manexado en 1901 ascendía a 3 573 280 coroas (aproximadamente uns 700.000 ou 800.000 euros actuais).
Carniola é hoxe unha parte do territorio da República de Eslovenia, desde 1991, data da independencia desta república.
Notas
↑ 1,01,1Unha Marca medieval era unha provincia nunha fronteira inimiga conquistada por un pobo que estaba ao outro lado da fronteira. Dirixida por un "margrave", é dicir, o xefe militar da provincia, a Marca era un feudo establecido para protexer o país veciño.
↑ 2,02,1Este reino existiu entre 1816 e 1849, e era unha parte do Imperio de Austria. Non debe confundirse co reino de Iliria, que existiu desde ca. 380 a.C. até 168 a.C., baixo o Imperio romano.