Cabo Juby é tamén o nome co que se coñecía historicamente a zona xeográfica próxima ao cabo, tamén coñecida como a "Franxa de Tarfaya". Así mesmo, é o nome que se lle deu en 1912 ao territorio situado entre o Sáhara Español e o sur do río Draa, que constitúe unha zona de amortiguamento semidesértica entre o Marrocos propiamente dito e o Sáhara Occidental.
En 1879, a británica Compañía da África Noroccidental estableceu alí un posto ao que bautizaron como Port Victoria. O 26 de marzo de 1888 soldados marroquís atacaron o posto, matando ao director da fábrica e deixando dous feridos de gravidade.[3] En 1895 a empresa foi vendida ao sultán de Marrocos.
En 1912 España negociou con Francia (que controlaba efectivamente os asuntos relacionados con Marrocos nesa época) para conseguir concesións na zona sur de Marrocos a fin de engadilas aos dominios do Sáhara Español.
Segundo este tratado, a zona situada ao sur do río Draa pasaba a ser un protectorado de España, de forma que aínda que este territorio non estaba baixo o control directo do sultán de Marrocos, cederíase a Marrocos unha vez que finalizase o protectorado.
Arrebatábase así ao Sáhara Occidental unha parte do seu territorio e da súa poboación, o que sería denunciado polos nacionalistas saharauís nos inicios do seu movemento. (Véxase a carta de Mohamed Basiri ao Gobernador Xeral do Sáhara, 1970).[4]
Porén, non foi até o 29 de xullo de 1916 cando o gobernador de Río de Oro, o capitán Francisco Bens, ocupou oficialmente o Cabo Juby. O lugar foi usado fundamentalmente como escala de voos dedicados ao correo aéreo.
O territorio de Cabo Juby, oficialmente chamado "Protectorado Sur de Marrocos", estaba situado entre o paralelo 27º 40' e o río Draa.
Tiña unha superficie duns 32 875 km²,[5] e unha poboación duns dez mil habitantes, fundamentalmente bérberes. A localidade principal era Villa Bens, coñecida actualmente como Tarfaya.
Desde 1946 o territorio de Cabo Juby pertenceu á África Occidental Española. Cando Marrocos accedeu á independencia, en 1956, reclamó a retrocesión de Cabo Juby, suxeito legalmente ao tratado de 1912 entre España e Francia polo que se estableciron ls protectorados español e francés sobre Marrocos.
Porén, non foi até os acordos de Angra de Cintra (2 de abril de 1958), que puxeron extraoficialmente fin aos enfrontamentos entre España e tropas irregulares marroquís coñecidos como a Guerra de Ifni, cando se cedeu oficialmente Cabo Juby a Marrocos.
↑José Fernández Bromón (15 de maio de 1888). "Sucesos de Marruecos"(PDF). La Ilustración Española y Americana nº XVIII. p. 307. Arquivado dende o orixinal(PDF) o 14 de agosto de 2011. Consultado o 25 de xullo de 2019.