Segundo o Dereito Internacional, xuridicamente a soberanía e a administración do Sáhara Occidental seguen en mans de España, aínda que desde a firma dos Acordos de Madrid, non levou a cabo ningunha acción en tal sentido.
Saguia el Hamra é o territorio correspondente á zona setentrional da antiga provincia española do Sáhara Español. Nun principio foi unha colonia española no Sáhara, pero máis tarde foi unido a Río de Oro. Tiña unha superficie aproximada de 282.000 km². A capital era O Aaiún. Outra poboación importante era Esmara, fundada por Ma el Ainin e considerada centro relixioso.
A súa denominación, que podería traducirse en galego como "arroio vermello", provén do gran arroio homónimo, que desembocaba uns quilómetros ao oeste do Aiún, no seu porto.
Do Cabo Bojador partía a liña divisoria co territorio de Río de Oro; situada no paralelo 26º servíalle como fronteira sur. O paralelo 27º 50' marcaba a fronteira cos territorios do Protectorado español de Marrocos no sur.
Río de Oro (Ued o Dahab en árabe) é un dos dous territorios en que se dividía o Sáhara Español antes da invasión ilegal de Marrocos. A súa capital era Villa Cisneros (actual Dakhla). Nun principio fixo parte da Colonia de Río de Oro que posteriormente conformou o Sáhara Español. Cunha superficie de 184.000 km², ocupaba a zona central e meridional do territorio.
Atravesada polo Trópico de Cáncer, o paralelo 26º marcaba a súa fronteira setentrional, con Saguia el Hamra. O límite sur era o Cabo Branco, unha península na que se acha a poboación de Lagouira, a cal foi anexionada por Mauritania entre 1976 e 1979.
A fronteira establecida entre as zonas ocupadas de Mauritana e Marrocos comezaba en Villa Cisneros, no paralelo 24º, e terminaba na fronteira con Mauritania, á altura do paralelo 23º.
Chegou unha expedición española xa nos anos 1885 e 1886 a declarar que non existía río ningún que desembocase no golfo, podendo levar a unha posible equivocación a forma longa e estreita do golfo que os descubridores portugueses tomaron polo estuario dun río.
Administración
Nacionalidade española
Todos os habitantes nativos do Sáhara recibían o Documento Nacional de Identidade (DNI) e o pasaporte españois, xunto co libro de familia, e todos os documentos correspondentes.[1] Este feito demostraba a plena nacionalidade española dos seus habitantes e foi esgrimido nos recursos realizados por cidadáns saharauís co fin de demostrar que a súa perda era nula, dado que ningún nacional español pode ser desprovisto dela e así foi recoñecido polo Tribunal Supremo.[2]
Matriculación de vehículos
A matrícula da provincia era "SH", e a partir de 1971 funcionou con sistema alfanumérico, a semellanza do resto de provincias de España.