San Lourenzo de Bruma[1] é unha parroquia exclave do concello de Mesía, que linda con Ardemil (Ordes), Beira (Carral) e Vizoño, (Abegondo). A súa única aldea é o Hospital, que se lle chama así xa que nel se atopaba unha pousada e hospital de peregrinos. A Bruma chega o camiño inglés de Santiago, xusto cando as súas dúas variantes da Coruña e Ferrol e Neda se unen. O antigo hospital é agora un albergue do camiño. Bruma, segundo o padrón municipal de 2023, tiña 43 habitantes (17 homes e 26 mulleres) distribuídos en 1 entidade de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 54 habitantes.
Xeografía e xeoloxía
Bruma é un exclave de Mesía, que non ten conexión directa co resto do concello, que ten unha superficie de 1,11 km². Está situado a uns 1,8 km da parroquia máis próxima de Mesía, que é Visantoña. Limita ao norte, oeste e sur con Ardemil, Ordes e ao leste con Beira, Carral e Vizoño, Abegondo. Bruma só conta cun núcleo rural, o lugar do Hospital de Bruma.
Está a unha altitude de entre 400–450 m no seu oeste e de entre 350-400 no seu leste. Por el pasa o rego dos Santeiros e o rego dos Outeiros, que son afluentes un do outro e ambos do río Samo.
Demografía
Bruma en 2017 tiña unha poboación de 41 persoas. Iso supón un descenso na poboación desde o 2000, cando había 51 residentes. A súa poboación supón o 0,9 2% do concello de Mesía.
Inda que non existe unha proba directa, a Vía XXromana que describiu Antonino pasou ou ben por preto ou pola parroquia.[5]
O Hospital foi cando menos desde o século XII un lugar de viaxeiros que peregrinaban a Compostela.[6] Xa o rei Afonso VII declarou cales eran os lindes do convento e do hospital no 1140. Ese hospital funcionaría como tal xa que puido ser unha leprosería. O hospital está cerca do monte da Malata, en Vizoño; e ese topónimo refírese a lepra; co que parece apoiar que o hospital tivese esa función.[7] O abade do condado de Némitos ou Nendos, Pedro Crescóniz, foi o fundador dese hospital, que se emprazou nun lugar chamado Rania Longa, hoxe en día lugar de Raña Longa. Ese hospital estaba entre as "terras de Montaos" e o condado de Nemitos[8]. Neses anos Pedro Martis e a súa muller Urraca cedéronlle ao Hospital de Santiago nun documento do 25 de maio de 1175 unha parte do terreo do lugar de "Rama-Longa" en "Gruma", referíndose a Bruma:[5][9]
de omni portione nostra ipsius hospitales de gruma
O 25 de abril de 1836 publícase a resolución do goberno pola que se crea o concello de Mesía e nel se inclúen, entre outras, Bruma e Ardemil como parroquias do concello.[10] Porén, no verán dese mesmo ano de 1836, unha nova orde do estado move a parroquia de Ardemil para o concello de Ordes, co cal Bruma convértese nun exclave de Mesía.[11][12] Poucos anos despois, en 1842, valorouse a integración dos concellos de Mesía, Frades e Oroso nun só, que se chamaría Vitre; e en escindir Bruma de Mesía e incluíla en Ordes. Malia a todo, esa proposta non se levou a cabo e Bruma continuou sendo parte do concello de Mesía ata a actualidade.[13]
Topónimo
A orixe do topónimo é incerta. En galego, bruma significa 'néboa pouco densa' e tamén é un dos nomes da folla do piñeiro. Non parece que a segunda acepción teña a ver co nome da parroquia á vista de que o completo estudo sobre fitotoponimia de Gonzalo Navaza non inclúe Bruma entre as formas recollidas[14]. Tampouco existen evidencias de que deba o seu nome ao antedito fenómeno atmosférico. Higino Martins sitúa a súa orixe no latínbrūma, “o día máis breve do ano; solsticio de inverno”, que deriva de breuima, brevissima [dies][15], mais é difícil intuír como un concepto temporal puido xerar o topónimo[16].
A construción dun hospital para peregrinos na parroquia fixo que a parroquia de Bruma pasase a ser coñecida como "Hospital de Bruma" ou mencionada como "San Lourenzo do Hospital", e que o lugar onde se atopa tamén reciba o nome de Hospital.[3][17]
No lugar do Hospital está o albergue de peregrinos do camiño inglés de Santiago.[6] Ese edificio, de estilo do gótico tardío, construíuse no século XVI á beira do rego de Outeiros. Está feito de cachotaría, ten unha cociña cunha boa cheminea e conta con linteis con inscricións relixiosas. A planta do edificio é rectangular e ten un pórtico.[20]
Coa súa reforma do século XX o edifio ampliouse, sen respectar o estilo inicial do hospital.[20]
O albergue, separado polo rego dos Outeiros do parque infantil.
Sinalización do camiño ás portas do albergue.
Parte traseira do albergue.
Rego dos Outeiros ao pé do albergue.
Rego dos Outeiros ao pé do albergue.
Hórreos
Os hórreos catalogados da parroquia son de tipo Mahía e de dous ou tres vans.[3][21]
Patrimonio relixioso
Igrexa de San Lourenzo
A igrexa parroquial de San Lourenzo de Bruma e capela está no lugar do Hospital, no rueiro do Hospital e polo que pasa o Camiño inglés de Santiago. É unha igrexa de estilo gótico tardío que posiblemente se construíu no século XVI e que tivo arranxos desde o século XVIII ata o XX. Está feita con fábrica de canteira e cachotería e posúe un arco triunfal, que arestora está cegado e agochado detrás dun falso teito. A espadana está feita como os muros e a planta da igrexa é rectangular. Está sen cuberta e os seus muros están en parte en ruínas.[3][18]
As dúas variantes do Camiño inglés xuntáronse historicamente na entrada á parroquia de Bruma, entre San Bertolameu, Montouto e o comezo do lugar das Travesas, Carral[6] Esas dúas variantes do camiño inglés proceden do "Porto do Faro" na Coruña e a de Ferrol e Neda.[22] ou na capela de San Roque das Travesas.[23] Boa parte deste itinerario que conflúe preto do Hospital cadra cos "camiños reais" que comunicaron as cidades do norte de Galicia con Compostela. O camiño inglés definido en 1997 xuntaba as dúas variantes no mesmo centro do Hospital. Revisións posteriores volveron a definir a xuntanza das dúas vías polo camiño histórico, nas Travesas á súa entrada na parroquia de Bruma.[6]
Espazos recreativos e culturais
Á beira do Hospital hai unha área recreativa con espazo de lecer para a xuventude e unha fonte. Bruma conta cun local social.
↑O condado de Némitos ou Nendos ocupou un territorio similar á comarca de Betanzos no baixo medievo.
↑José Raimundo Núñez Varela y Lendoiro, Manuel Pérez Grueiro, Ana López Brey (2012). "La hospitalidad en el camino inglés". cronistadebetanzos.com.
↑"Artigos de Oficio - Diputación provincial da Coruña. Continuación del arreglo de ayuntamientos. Partido de Santiago.". Boletín Oficial de la Provincia de La Coruña(en castelán) (116). Luns 26 de abril de 1836.
↑Juan José Ferreiro Boquete (19/09/2016). "Mapa de Mesía". Historias de Ordes (e comarca). Consultado o 7/04/2018.
↑Terras de Santiago (eds.). "Mesía". Arquivado dende o orixinal o 08/04/2018. Consultado o 7/04/2018.
↑Navaza, Gonzalo (2006). Fitotoponimia galega(PDF). Fundación Pedro Barrié de la Maza. ISBN84-95892-53-7. Arquivado dende o orixinal(PDF) o 04 de xaneiro de 2021. Consultado o 10 de decembro de 2020.
↑Manuel Pazos Gómez e José Luis Varela Fernández (autores), Antonio Matías e Luis Alonso Ocaña (imaxes), Antonio Puentes Chao (traduccións). "El Camino Inglés de Santiago". En tresCtres e eurográficas. Guía Turística - Concello de Oroso.