Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.
Unha bronquiectasia é unha dilatación anormal e irreversíbel da árbore bronquial, encargada de conducir o ar dende a traquea até a unidade funcional respiratoria, o alvéolo pulmonar. Iso adoita producirse pola rotura dos compoñentes elástico e muscular da parede bronquial. Foi descrita por vez primeira en 1819 polo médico francés René Laënnec. Non hai na actualidade datos fiábeis sobra a incidencia ou a prevalencia desta doenza, aínda que si que é un feito que é máis frecuente nos países subdesenvolvidos ca nos desenvolvidos.
A inflamación dos bronquios pode dar lugar a unha colonización bacteriana, que á súa vez pode provocar unha infección. Esta inflamación pode ocasionar repetidas inflamacións, dando lugar a un círculo vicioso quen de provocar máis bronquiectasias.
Os síntomas principais que presenta un paciente con bronquiectasia son a tose produtiva crónica, que ás veces pode conter sangue, e as pneumonías de repetición. Estas pneumonías prodúcense xusto no mesmo sitio do pulmón onde os bronquios se atopan anormalmente dilatados por mor da bronquiectasia.
Tratamento
O tratamento está encamiñado a tratar a causa da bronquiectasia, e a mellorar a obstrución das vías respiratorias.