Un bosón[1] (chamado así en homenaxe ao físico indio Satyendra Nath Bose) é unha partícula de spin enteiro (0,1,2, ...). Por este motivo estas partículas compórtanse de acordo á estatística de Bose-Einstein que non cumpre o principio de exclusión de Pauli e que poden dar lugar a un novo estado da materia chamado condensado de Bose-Einstein no cal un número indeterminado de partículas poden estar en estados cuánticos superpostos. Os fotóns son bosóns e poden agruparse en idénticos estados cuánticos cousa que permite o desenvolvemento de máseres e láseres. Ademais unha consecuencia importante desta propiedade é que as súas funcións de onda son simétricas.
Características
Tódalas partículas elementais son bosóns ou fermións (dependendo do seu spin). En física de altas enerxías e de partículas dise que os bosóns son os mediadores de forza ou partículas portadoras das interaccións fundamentais. Porén, toda interacción leva asociada o intercambio dunha partícula que sempre será un bosón virtual. A interacción de ditos bosóns virtuais con fermións reais é o que dá lugar ás mencionadas interaccións ou forzas fundamentais. O alcance desta interacción en xeral vén dado pola masa da partícula intercambiada.
Aos bosóns involucrados nas ditas interaccións chámaselles bosóns gauge. Estes son os bosóns W e Z para a forza débil, os gluóns para a forza forte, os fotóns para a forza electromagnética e o teórico gravitón para a forza gravitatoria ou Gravidade.
As partículas compostas por outras partículas coma os protóns, os neutróns ou os núcleos atómicos poden ser bosóns o fermións dependendo do seu spin total. De aí que moitos núcleos sexan, de feito, bosóns. Con que o número de fermións que compoña esa partícula sexa par o sistema composto será un bosón. Así, a maioría dos elementos ten isótopos que serán fermións, coma é o caso do helio-3 ou bosóns coma o helio-4. O deuterio é tamén bosón porén os seus veciños protio e tricio son fermións.
Namentres que os fermións están obrigados a cumpri-lo principio de exclusión de Pauli: "non pode haber máis dunha partícula ocupando un mesmo estado cuántico", non existe a mencionada exclusión para os bosóns, xa que eles poden ocupar estados cuánticos idénticos.
O resultado disto é que o espectro dun gas de fotóns a certa temperatura de equilibro posee un espectro de Planck (exemplos disto son a radiación do corpo negro ou a radiación do fondo cósmico de microondas testemuña que nos leva ata o universo recentemente creado). O traballo con láseres, as propiedades de superfluído do helio-4 e a recente formación do condensado de Bose-Einstein son todo consecuencia da estatística dos bosóns.
As diferenzas entre as estatísticas bosónica e fermiónica é só apreciable a grandes densidades que é cando as funcións de onda se superpoñen. A baixas densidades ámbolos tipos de estatísticas aproxímanse á estatística de Maxwell-Boltzmann onde os dous tipos de partículas compórtanse clasicamente.
Exemplos de bosóns:
Notas
- ↑ "bosón". TERGAL. Consultado o 26/12/2019.
Véxase tamén
Outros artigos
Bibliografía
- Sakurai, J.J. (1994). Modern Quantum Mechanics (Revised Edition), pp 361–363. Addison-Wesley Publishing Company. ISBN 0-201-53929-2.