O Bogotazo foi unha revolta popular como consecuencia do magnicidio do xurista, escritor, político e candidato presidencial Jorge Eliécer Gaitán o 9 de abril de 1948, a mans de Juan Roa Sierra, no centro de Bogotá, a capital de Colombia. A súa morte partiu en dúas a historia contemporánea política e de orde pública da nación dende esa data.
Bogotá foi sacudida fortemente por protestas violentas, represión e desordes que a deixaron semidestruída, e que se expandiu a outras rexións e cidades do país. A vaga de protestas violentas desencadeou unha das épocas máis relevantes do século XX na historia de Colombia, coñecida como «A Violencia», a cal rematou en 1958. Porén, as súas consecuencias duraron máis do imaxinado a través do conflito armado librado polo estado colombiano contra os grupos irregulares de extrema esquerda (FARC, ELN, EPL, M-19 e a CGSB), extrema dereita (AUC), carteis do narcotráfico e crime organizado (Bandas Criminais ou Grupos Armados Organizados), proclamado case de maneira profética polo doutor Gaitán nun soado discurso en caso de ser asasinado:[1][2][3]
…a oligarquía non me mata, porque se sabe que o fai, o país envorca e as augas demorarán cincuenta anos en regresar ó seu nivel normal…[4]