Robert "Bob" Beamon, nado en Jamaica (Nova York) o 29 de agosto de 1946, é un atleta norteamericano retirado, especialista en salto de lonxitude. É famoso polo seu extraordinario salto nos Xogos Olímpicos de 1968, polo que obtivo a medalla olímpica e o récord do mundo de salto de lonxitude.
Traxectoria
Nos Xogos Olímpicos de 1968 estabeleceu un novo récord mundial en Cidade de México cun marabilloso salto de 8,90 m, marca que se mantivo imbatida durante 23 anos, sendo declarado pola revista Sports Illustrated como unha das grandes fazañas deportivas do século XX. O seu salto superaba en 55 cm a mellor marca mundial anterior. Entre os factores que favoreceran un salto tan extraordinario contara sen dúbida a altura elevada a que se sitúa México, pois no mesmo ano, en Lake Tahoe, tamén a considerábel altitude, Beamon atinxira 8,39 m.
A marca atinxida por Beamon foi superada no Campionato mundial de atletismo, celebrado en Toquio no ano 1991, por Carl Lewis (8,91 m) e Mike Powell (8,95 m). Este estabeleceu o novo récord mundial, mais o salto de Bob segue a ser o récord olímpico.